Neste encontro presentaranse os proxectos dos gañadores das residencias artísticas de 2022 e 2023.
A Universidade da Coruña, a través de NORMAL, Espazo de Intervención Cultural da UDC, e a Fundación María José Jove, a través do MUV, organizan o II Encontro: “Dentro e fóra. Arte Contemporánea en Galicia”. O evento, que levará a cabo NORMAL, enmárcase no Programa de Residencias Artísticas FMJJ – NORMAL e reunirá a máis dunha trintena de artistas e axentes culturais.
Presentaranse os proxectos de Berio Molina e Fuentesal Arenillas, gañadores das Residencias Artísticas en 2022 e dos procesos dos residentes deste ano: Sabrina Fernández Casas e Violeta Iglesias/Diego Vites. Pero, máis aló das presentacións, proponse un debate crítico ao redor das distintas prácticas da escena galega e os diferentes axentes que se atopan tanto dentro como fóra do noso territorio, propiciando o establecemento de redes colaborativas máis amplas.
O Programa de Residencias Artísticas FMJJ naceu dunha alianza entre NORMAL. Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña e MUV (Plataforma dixital de difusión cultural da área de Arte da Fundación María José Jove) e ten como obxectivo principal profundar nas relacións entre creación artística, pensamento crítico e participación social, así como fortalecer o contexto cultural máis próximo, promovendo proxectos de interese social vinculados á comunidade.

Published by: Cultura