A Coruña, 8 de xuño de 2026
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) ven de resolver a segunda edición dos Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores xoves. Estes galardóns teñen como obxectivo impulsar a investigación científica en Galicia, dando recoñecemento e potenciando as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros da nosa comunidade. Distingue a contribución da investigación ao avance de tres ramas de coñecemento: Ciencias Básicas, Ciencias Sociais e Ciencias Técnicas.
Na categoría de Ciencias Básicas a galardoada é Verónica Bolón, pioneira en deseñar sistemas de intelixencia artificial sustentables; en Ciencias Técnicas distínguese a Laura Castro polo seu labor no campo das enerxías renovables mariñas; e en Ciencias Sociais o recoñecemento corresponde a María Barreiro, dedicada a axudar ás organizacións a ser máis sustentables. Cunha dotación de 5000 euros para cada un dos tres premios.
Verónica Bolón, unha aposta pola IA verde
No campo das Ciencias Básicas recoñécese á enxeñeira informática Verónica Bolón (Carballo, 1984), profesora da Universidade da Coruña, que desenvolve a súa actividade investigadora no Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial. Céntrase no deseño de sistemas de intelixencia artificial eficientes, capaces de equilibrar rendemento, custo computacional e impacto ambiental. Esta visión, que sitúa a sustentabilidade como eixe central do deseño algorítmico, é pioneira en España. Os resultados dos seus traballos téñense aplicado en ámbitos como o biomédico -diagnóstico de retinopatía do prematuro, enfermidades cardiovasculares ou trastornos do sono-, así como para a resolución de problemas ambientais e educativos. Forma parte do top 2% de investigadores máis influentes a nivel mundial segundo a Universidade de Stanford. É revisora habitual de programas do Consello Europeo de Investigación, o que implica avaliar proxectos de vangarda e contribuír á definición das prioridades científicas europeas. Dirixe a Cátedra UDC-Inditex de Intelixencia Artificial en Algoritmos Verdes. Ademais, desenvolve tarefas de asesoramento institucional en intelixencia artificial -en particular para a Comisión Europea-, forma parte do comité de expertos para o asesoramento en IA en Galicia e é membro do comité do laboratorio de ideas da AESIA (Axencia Española para a Supervisión da IA).
Laura Castro, única catedrática en Construcións Navais en Galicia
No campo das Ciencias Técnicas distínguese á investigadora da Universidade da Coruña Laura Castro (Betanzos, 1985), que desenvolve o seu labor no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) de Ferrol. A súa traxectoria céntrase no estudo técnico-económico das enerxías renovables mariñas: enerxía eólica mariña, enerxía undimotriz, sistemas híbridos de enerxía mariña e enerxía solar mariña. Traballou en sistemas de ancoraxe para plataformas mariñas de enerxía renovable.
Na actualidade é investigadora principal de tres proxectos: un nacional no que se está a desenvolver unha ferramenta para planificar o almacenamento de enerxía procedente de fontes de enerxía mariña renovables en España; outro europeo sobre a xestión de riscos para a produción estable, segura e sostible de hidróxeno verde utilizando enerxía eólica mariña; e outro tamén europeo para a mellorar a eficiencia enerxética en Xeorxia, Acerbaixán e Ucraína. É a única catedrática na área de Construcións Navais en Galicia e a máis nova de toda España. Desde 2019 participa como avaliadora de proxectos de investigación da Unión Europea, do Ministerio de Ciencia e Innovación, da Autoridade de Enerxía Sostible de Irlanda e do Ministerio de Innovación, Ciencia e Tecnoloxía de Israel.
María Barreiro, comprometida coa sustentabilidade
En Ciencias Sociais prémiase a María Barreiro (A Coruña, 1987), profesora da Universidade da Coruña e investigadora do centro de investigación interuniversitario ECOBAS, especializado no estudo da sustentabilidade. Traballou na Universidade de Gävle (Suecia) e na UNED. Durante os últimos dez anos, a súa investigación centrouse especialmente en economía circular, desenvolvemento económico e cuestións de xénero. Enfócase na busca de mecanismos que axuden ás organizacións a ser máis sustentables, tanto económica como ambiental e socialmente. Participou no proxecto europeo “ToNoWaste”, valorado en 6 millóns de euros, no que colaborou con 21 universidades e varias institucións de 7 países, co obxectivo de reducir o desperdicio de alimentos. É coordinadora do Green Campus da facultade de Economía e Empresa da UDC.
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC