Ecological Footprint calculation tool with Emapic

A UDC no ranking GreenMetric

O GreenMetric Ranking of World Universities, elaborado pola Universidade de Indonesia (UI), compara os esforzos das universidades cara a sustentabilidade ambiental e as políticas de xestión respectuosas co ambiente. O ránking contempla 6 indicadores (Infraestruturas, Enerxía e cambio climático, Residuos, Auga, Transporte e Educación) e é a clasificación universitaria de maior alcance internacional.

Ano 2022

Na actual convocatoria de 2022, marcada pola adaptación á realidade post-pandemia, valoráronse os esforzos das universidades para continuar os seus programas e políticas de sustentabilidade logo dos grandes cambios e dificultades que supuxo a adaptación á Covid-19.

A UDC entre as 100 Universidades máis sustentables do mundo e no 5º lugar das Universidades españolas

A Universidade da Coruña continúa a tendencia positiva dos últimos anos. Coa suma de 75 puntos respecto a 2020, acada o 82,5% da puntuación máxima (fronte ao 81,8% do 2021). Así e todo, non logra mellorar a súa posición, acadando este ano o posto 90 mundial, de entre as 1.050 universidades participantes. Inclúese deste xeito no 10% das universidades líderes (percentil 91). Mentres tanto, no cómputo español, a UDC é a 5ª universidade mais sustentable, das 29 presentadas (Gráfica 1).

ClasificaciónGM-esp_2022

Gráfica 1: Posición da UDC entre as 29 Universidades españolas presentadas en 2022. UDC: 8.250 puntos alcanzados respecto ao máximo posible (10.000 puntos) para os 6 eixos de avaliación da sustentabilidade.

Análise por eixos

Máis concretamente, a UDC mellorou a súa puntuación nos eixos de Residuos, Auga, e Educación e investigación, superando os tres o percentil 90.  

Nos eixos de Infraestruturas e Enerxía e cambio climático o resultado diminuíu en 50 puntos respecto do ano anterior, o que implicou un descenso na clasificación mundial e estatal. Así e todo, ambos ámbitos superan o percentil 70.  

Finalmente, o eixo Transporte mantivo a puntuación dos catro últimos anos, mais descendeu 61 postos na posición relativa e queda ás portas do percentil 70, constituíndo o eixo da UDC con peor resultado. 

ClasificaciónGM_2022

Imaxe: Posición da UDC a nivel estatal e mundial para os 6 indicadores de sustentabilidade e a posición global. SI: Setting and Infraestruture, EC: Energy and Climate Change, WS: Waste, WR: Water, TR: Transportation, ED: Education and research.

Máis información:


Histórico convocatorias

Informes de valoración dos resultados da UDC no ranking GreenMetric, elaborados pola OMA para anteriores convocatorias:

Informe GreenMetric 2021| Informe GreenMetric 2020Informe GreenMetric 2019 | Informe GreenMetric 2018 | Informe GreenMetric 2017 | 

 

A Pegada Ecolóxica na Universidade da Coruña

Curso 2022-2023

O estudo de novembro de 2022 obtivo unha PE media de 831 kg CO2/persoa e ano, mentres as emisións totais acadaron a cantidade de 17.955 t CO2 (curso 2022-2023). O resultado desta campaña indica unha redución total e per cápita das emisións do 21% con respecto a abril de 2022 (curso 2021-2022). Máis información no seguinte enlace:

AVANCE Pegada ecolóxica dos desprazamentos e viaxes na UDC novembro 2022

 

Curso 2021-2022. Estudo da Pegada Ecolóxica da Mobilidade na UDC

En marzo de 2022 solicitouse a través das listas de estudantado e persoal da UDC a realización voluntaria da enquisa de mobilidade (desprazamentos relacionados coa actividade universitaria) a través da calculadora OMA-Emapic da UDC. A enquisa recibiu un total de 625 entradas na semana do 4 ao 9 de abril de 2022. Os resultados poden verse na seguinte ligazón:

https://emapic.es/custom/mobilidade-desprazamentos-udc/results

Calculada desta forma, a pegada de carbono media resultou de 1.052 kg CO2/persoa e ano, mentres as emisións totais acadaron a cantidade de 22.829 t CO2no curso 2021-2022.

  • Como superficie de bosque galego, as emisións de CO2 derivadas dos desprazamentos da UDC requirían de 3.641 ha para a súa absorción. Esta superficie multiplica por 65 toda a superficie dos campus da UDC, mentres supera en máis de 300 a superficie con vexetación arbórea dos campus.
  • Cunha media de 198 viaxes ao ano, a distancia percorrida atinxe os 143 millóns de km, o 52% en coche particular, responsable do 86% das emisións.

  • A COVID reduciu os desprazamentos totais mas aumentou o uso do vehículo privado

INFORME COMPLETO "A pegada ecolóxica dos desprazamentos na UDC" (curso 2021-2022)

PRESENTACIÓN RESUMO "A pegada ecolóxica dos desprazamentos na UDC" (curso 2021/2022)


Ano 2016

A pegada ecolóxica da UDC foi de 3.312 ha de bosque galego no ano 2016. Desta forma, as emisións globais estimadas para a UDC en 2016 foron de 20.442 t CO2.

A pegada ecolóxica avaliouse como a suma de oito compoñentes, por orde de magnitude: mobilidade (49,1% da pegada total), electricidade (24,1%), edificación (14,8%), combustíbeis fósiles (gasóleo e gas natural) (9,0%), territorio (2,1%), consumo de papel (0,5%), xeración de residuos (0,2%) e consumo de auga (0,2%).

A compoñente da mobilidade ten en conta as emisións de CO2 durante os desprazamentos das persoas que conforman a comunidade universitaria desde os seus lugares de residencia aos centros de estudo ou traballo. O estudo contou coa colaboración do Grupo de investigación de Ferrocarrís e Transportes da UDC. Pola súa banda, as emisións atribuídas á edificación son o resultado de considerar unha vida media dos edificios de 50 anos, contando a parte alícuota que corresponde a 2016 de toda a superficie construída.

Cunha pegada per cápita media de 0,16 ha/persoa, o valor global equivale a 58 veces o territorio ocupado polos campus da UDC. O uso da enerxía e a mobilidade achegan máis do 80% da pegada total. Nos últimos 8 anos, a PE da UDC viuse lixeiramente reducida, pasando de 3.475 ha de 2008 a 3.312 ha de 2016.

Nas seguintes ligazóns podes consultar os documentos completos do estudo da pegada ecolóxica na UDC:


Ano 2008

A pegada ecolóxica da UDC no ano 2008 resultou de 3.475 ha de bosque galego. Por orde de magnitude, a pegada ecolóxica da UDC débese ás seguintes compoñentes: mobilidade (43,5% da pegada total), electricidade (25,4%), edificación (14,1%), combustibles fósiles (gasóleo) (12,6%), territorio (2,0%), consumo de papel (1,3%), xeración de residuos (1,0%) e consumo de auga (0,2%). Cunha pegada per capita media de 0,15 ha/persoa, o valor global equivale a 50 veces o territorio ocupado polos campus da UDC. O uso da enerxía e a mobilidade achegan máis do 80% da pegada total (o 95,6% se incluímos a edificación), polo que estes dous eidos son obxecto dunha intervención preferente.

Outras conclusións do estudo e o seu informe completo pode consultarse na seguinte ligazón:

Nas seguintes ligazóns móstranse os resultados da enquisa realizada no marco do convenio de colaboración entre a Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e a Universidade da Coruña (2008):

 

Outras publicacións e proxectos

Proxecto Locaw

Proxecto liderado polo Grupo de Investigación Persoa-Ambiente da UDC que proporciona unha análise teórica e empírica das prácticas habituais nos lugares de traballo e dos factores estruturais e individuais que actúan como motores ou como restricións para a adopción de prácticas sustentables nos lugares de traballo, incluíndo a UDC e outras entidades e empresas europeas como casos de estudo.

 


Guía “Compra pública verde de papel”

Dirixida aos órganos de contratación e persoas usuarias da UDC, aínda que extensiva pola súa utilidade a corpos administrativos e de xestión públicos. Esta guía expón os principios e procedementos relacionados coa contratación e a compra pública verde, como parte das políticas de sustentabilidade acuñadas en diferentes normativas en vigor. Aprovéitase o caso do papel e material de papelaría e oficina, para ilustrar estes procedementos e poder dármonos conta tanto da importancia como da facilidade de contribuírmos á redución da pegada ecolóxica da nosa actividade.

A prevención, a elección de medios informáticos cando non é imprescindíbel o uso do papel, o uso razoábel e o aproveitamento do papel polas dúas caras, a elección de produtos con certificación ambiental, ou a elección de papel reciclado en substitución do de fibra virxe (redución do 67% emisións CO2), son as principais medidas que podemos tomar para reducir o impacto ambiental no uso do papel.

Con esta Guía, a UDC dá un paso adiante para incorporar a compra verde dun dos materiais de maior consumo na actividade universitaria. Facer real este obxectivo é decisión colectiva e tamén individual de cada persoa, centro ou departamento administrativo nos que recae a toma de decisión sobre compras.

 


O perfil ambiental da UDC 2011

Proxecto “Avaliación das políticas universitarias de sustentabilidade como facilitadoras para o desenvolvemento dos campus de excelencia internacional”

O proxecto foi realizado polo grupo de traballo de avaliación da sustentabilidade universitaria da Comisión Sectorial de Calidade Ambiental, Desenvolvemento Sustentábel e a Prevención de Riscos, da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CADEP-CRUE). O proxecto contemplou a definición dun sistema de indicadores de avaliación das políticas universitarias de sustentabilidade, así como establecer modelos de implantación destas políticas e identificar boas prácticas en realización.

 


Guía para a sustentabilidade na UDC

Esta Guía, elaborada en 2011, analiza a situación ambiental da UDC e fai propostas de actuación organizadas en tres eixes de actuación ambiental:

  • Indicadores sintéticos integrados: caracterización do contorno, campus e ordenamento territorial, pegada ecolóxica da UDC e compromiso ambiental (marco institucional).
  • Xestión ambiental: transporte e mobilidade, enerxía, auga, residuos, atmosfera, biodiversidade e sensibilización e voluntariado.
  • Investigación e aprendizaxe sostíbeis: ambientalización curricular, investigación.
  • Libro pdf "Guia para a sustentabilidade ambiental na UDC"

 


Exposición sobre a pegada ecolóxica na UDC

A Universidade da Coruña (UDC) e a Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA) veñen de elaborar unha exposición sobre a pegada ecolóxica na que se inclúe información sobre o caso da UDC.

A exposición conta con 16 paneis xa montados, de 80 cm de largo por 180 de alto, que a Oficina de Medio Ambiente da UDC (OMA-UDC) pon a disposición de toda a comunidade universitaria. Para a súa exposición, precísase unicamente un espazo axeitado, duns 20-25 m de percorrido.

Os centros, colectivos e calquera outra persoa da UDC poden dirixirse á Oficina de Medio Ambiente (oma@udc.es), para solicitar e reservar esta exposición. A información que deberán enviar é a seguinte:

Organismo, entidade ou persoa solicitante:
Persoa responsable:
Centro onde se expoñerá:
Datas preferentes e indicación do período de duración:

Así mesmo, poden indicar se están interesados/as nunha charla explicativa sobre a temática ou temáticas da exposición.

A OMA-UDC porase en contacto coas persoas solicitantes para concretar os detalles da súa realización.

 


Convenio CMADS-UDC para a análise do impacto ambiental na UDC

Convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (CMADS) e a Universidade da Coruña (UDC) para a análise do impacto ambiental na UDC (2007-2008).

O traballo constituíu un primeiro avance sobre o estudo da mobilidade, o uso da enerxía e a pegada ecolóxica na UDC, e incluíu diversos elementos relacionados con un plan ambiental para a área de Elviña-A Zapateira.