VI convocatoria para a consolidación e para a creación de grupos departamentais de calidade (GDC)

A Vicerreitoría de Calidade e Novas Tecnoloxías convoca o profesorado da UDC a consolidación, modificación ou á nova creación de grupos departamentais de calidade (GDC).

Estes grupos intra ou interdepartamentais teñen como finalidade o avance na conversión de materias ao sistema ECTS, realizando as guías docentes informatizadas que recollerán os principios pedagóxicos en que se basean para o desenvolvemento das competencias que definan nas súas materias. Estes grupos representan a opción da Vicerreitoría de Calidade e Novas Tecnoloxías respecto da formación permanente do profesorado. É no seu contexto onde a reflexión sobre a práctica e a mellora, a través da investigación sobre a acción, deben ter lugar.

A estas alturas do proceso de converxencia europea é imprescindible continuar traballando na concienciación progresiva do persoal docente e investigador e dos estudantes sobre a necesidade de asumir os cambios que se están xa a producir no Espazo Europeo de Ensino Superior.

Para actualizar todos os grupos existentes na presente convocatoria deberán tomar parte, tanto os grupos xa consolidados como aqueles grupos que soliciten modificación ou os grupos de nova creación.

Os grupos existentes que desexen continuidade, por tanto, deberán facer a súa petición de continuación.

Modalidades de solicitude:

Modalidade I:
GDCI- Grupos Departamentais de Calidade para materias de licenciaturas e diplomaturas

Poderao solicitar o profesorado dun único ou de varios departamentos que se agrupen coa finalidade de iniciar a transformación de, cando menos, unha materia por profesor/a dun plano de estudos oficial e vixente dunha licenciatura ou diplomatura.

O grupo poderá estar formado por un mínimo de dúas persoas e un máximo que establecerá o propio grupo.

Impreso de inscrición modalidade I

Modalidade II:
GDCII- Grupos Departamentais de Calidade para materias de grao ou mestrado universitario

Poderao solicitar o profesorado dun único ou de varios departamentos que se agrupen coa finalidade de iniciar accións de coordinación docente de, cando menos unha materia por profesor/a, entre materias dun mesmo curso ou dun mesmo módulo de grao ou mestrado universitario dun plano de estudos oficial e vixente.

O grupo poderá estar formado por un mínimo de dúas persoas e un máximo que establecerá o propio grupo.

Impreso de inscrición modalidade II

Repercusión na organización académica

Os membros destes grupos que soliciten a modalidade I recibirán, xunto coa comunicación da concesión, a autorización da Vicerreitoría de Organización Académica e Titulacións para solicitaren do decanato ou da dirección correspondente a substitución dun 30% do ensino presencial por un volume equivalente de traballo dirixido do estudantado. A petición da substitución é voluntaria e concretarase no horario docente como mellor sirva os fins da solicitude (no horario semanal, no inicio do curso, a final de curso etc.). Estes traballos dirixidos terán que estar recollidos na memoria explicativa do proxecto e nas guías docentes das materias correspondentes.

Os membros destes grupos que soliciten a modalidade II xa teñen repercutida no seu horario a redución correspondente no seu ensino presencial.

Prazo de solicitude e lugar de representación

As persoas interesadas presentarán, no Rexistro Xeral da Universidade a súa solicitude, segundo o modelo (impreso modalidade I - impreso modalidade II) que se fixa nesta convocatoria, desde o día 27 de outubro ata as 14:00 horas do 10 de novembro de 2009 e disporán dun prazo de 10 días hábiles para corrixiren os erros. Xunto coa solicitude presentarán unha breve memoria en que se especificarán as materias sobre as que se traballará, os obxectivos que se perseguen e o plano de traballo do grupo.

Comisión para a Resolución da convocatoria

Esta Vicerreitoría resolverá esta convocatoria, segundo a proposta que realice a comisión designada para o efecto.

A comisión estará formada polas seguintes persoas:

  • a vicerreitora de Calidade e Novas Tecnoloxías
  • a vicerreitora de Organización Académica e Titulacións
  • o director da Unidade Técnica de Calidade

A resolución da convocatoria seralles comunicada ás persoas solicitantes e publicarase na web da Universidade.

Prazo de Resolución

Será de 15 días hábiles desde que remate o prazo de presentación de solicitudes que establece a convocatoria. Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, cabe interpoñer, perante o reitor, un recurso de alzada (por aplicación do que dispón o artigo 114.1 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común) no prazo dun mes, que conta a partir do día seguinte á recepción da resolución, sen prexuízo doutro recurso que se estimar procedente.

Avaliación

Os equipos entregarán a memoria do traballo desenvolvido e a relación de accións realizadas sobre as materias correspondentes, antes do 30 de xullo de 2010. A entrega desta memoria é condición indispensable para poder optar á renovación.

 

A Coruña, 26 de outubro de 2009

A vicerreitora de Calidade e Novas Tecnoloxías

Elena Sierra Palmeiro