VIII convocatoria para a consolidación e para a creación de grupos departamentais de calidade (GDC)

A Vicerreitoría de Calidade e Novas Tecnologías convoca o profesorado da UDC á consolidación, modificación ou á nova creación de grupos departamentais de calidade (GDC).

Estes grupos intra ou interdepartamentais teñen como finalidade o avance, a conversión de materias ao sistema ECTS nas titulacións de 1º e 2º ciclo e a impartición de materias en créditos ECTS nas novas titulacións, realizando as guías docentes informatizadas que recollerán os principios pedagóxicos en que se basean para o desenvolvemento das competencias que definan nas súas materias.

Estes grupos representan a opción da Vicerreitoría de Calidade e Novas Tecnoloxías respecto da formación permanente do profesorado. É no seu contexto onde a reflexión sobre a práctica e a mellora, a través da investigación sobre a acción, deben ter lugar.

A estas alturas do proceso de converxencia europea é imprescindible continuar traballando na concienciación progresiva do persoal docente e investigador e dos estudantes sobre a necesidade de asumir os cambios que se están xa a producir no Espazo Europeo de Ensino Superior.

Para actualizar todos os grupos existentes na presente convocatoria deberán tomar parte tanto todos aqueles grupos xa consolidados como aqueles grupos que soliciten modificación ou os grupos de nova creación.

Os grupos existentes que desexen continuidade, por tanto, deberán facer a súa petición de continuación.

Modalidades de solicitude

Modalidade I
GDC I - grupos departamentais de calidade para materias de licenciaturas e diplomaturas

Poderao solicitar o profesorado dun único ou de varios departamentos que se agrupen coa finalidade de iniciar a transformación de, cando menos, unha materia por profesor/a dun plan de estudos oficial e vixente dunha licenciatura ou diplomatura.

O grupo poderá estar formado por un mínimo de dous membros e un máximo que establecerá o propio grupo.

Impreso de inscrición modalidade I

Modalidade II
GDC II - grupos departamentais de calidade para materias de grao ou mestrado

Poderao solicitar o profesorado dun único ou de varios departamentos que se agrupen coa finalidade de iniciar accións de coordinación docente de, cando menos unha materia por profesor/a, entre materias dun mesmo curso o dun mesmo módulo de Grao ou Mestrado dun plan de estudos oficial e vixente

O grupo poderá estar formado por un mínimo de dous membros e un máximo que establecerá o propio grupo.

Impreso de inscrición modalidade II

Repercusión na organización académica

Os membros destes grupos solicitantes da modalidade I recibirán, xunto coa comunicación da concesión, a autorización da Vicerreitoría de Organización Académica e Titulacións para solicitaren do decanato ou da dirección correspondente a substitución dun 30% do ensino presencial por un volume equivalente de traballo dirixido do estudantado. A petición da substitución é voluntaria e concretarase no horario docente como mellor sirva os fins da presente convocatoria (no horario semanal, no inicio do curso, a final de curso etc.). Estes traballos dirixidos terán que estar recollidos na solicitude de creación do grupo e nos programas das materias correspondentes.

Os membros destes grupos solicitantes da modalidade II xa teñen repercutida no seu horario a redución correspondente no seu ensino presencial

Prazo de solicitude e lugar de presentación

As persoas interesadas presentarán, no Rexistro Xeral da Universidade a súa solicitude, segundo o modelo que se fixa nesta convocatoria, desde o día 20 de setembro ata as 14:00 h. do 30 de setembro de 2011 e disporán dun prazo de 10 días hábiles para corrixiren os erros. Xunto coa solicitude presentarán unha breve memoria en que se especificarán as materias sobre as que se traballará, os obxectivos que se perseguen e o plan de traballo do grupo.

Comisión para a resolución da convocatoria

A Vicerreitoría resolverá esta convocatoria, segundo a proposta que realice a comisión designada para o efecto.

A Comisión estará formada polas seguintes persoas:

  • A vicerreitora de Calidade e Novas Tecnoloxías
  • A vicerreitora de Organización Académica e Titulacións
  • O director da Unidade Técnica de Calidade

A resolución da convocatoria seralles comunicada ás persoas solicitantes e publicarase na web da Universidade.

Prazo de resolución

Será de 15 días hábiles desde que remate o prazo de presentación de solicitudes que establece a convocatoria. Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, cabe interpoñer, perante o reitor, un recurso de alzada (por aplicación do que dispón o artigo 114.1 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común) no prazo dun mes, que conta a partir do día seguinte á recepción da resolución, sen prexuízo doutro recurso que se estimar procedente.

Avaliación

Os equipos entregarán a memoria do traballo que realizasen e a súa relación de accións realizadas sobre as materias correspondentes, antes do 30 de xuño de 2012. A entrega desta memoria é condición indispensable para poder optar á renovación.

A Coruña, 12 de setembro de 2011

A vicerreitora de Calidade e Novas Tecnoloxías
Elena Sierra Palmeiro