A Coruña, 29 de outubro de 2025.- A Universidade da Coruña celebrou hoxe o IMPULSA-T, a primeira Feira de Emprendemento e Apoio ao Emprego como mostra do compromiso da Universidade da Coruña coa empregabilidade, a innovación e o progreso social.
O evento foi inaugurado polo reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, e contou coa participación de Marta Mariño Regueiro, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, Diana María Sobral Cabanas, concelleira de Emprego, Comercio e Mercados do Concello da Coruña e Valeria Oliva Cousillas Carrera, presidenta do Consello do Estudantado UDC.
O reitor destacou durante a súa intervención as elevadas taxas de inserción laboral das persoas egresadas na UDC, xa que preto do 90% deles conseguen empreso durante o primeiro ano. “Queremos que o formato que estreamos este ano, máis integrado no que tocamos emprendemento, emprego e formación continua. Esperamos que este día sirva para o contacto entre o estudantado e o tecido empresarial e agradecemos moito a colaboración da Xunta de Galicia, o Concello da Coruña e as empresas e entidades participantes”.
A vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade, pola súa banda, anunciou que se agardaba a participación de preto de mil estudantes ao longo de todo o día neste punto de encontro entre empresas, entidades e estudantado.
Stands e actividades
O evento conta cun total de 49 postos de empresas e entidades dos principais sectores produtivos galegos e nacionais, estruturados en varios espazos temáticos deseñados para promover o contacto entre o tecido empresarial e o alumnado.
Así, os asistentes poderán coñecer as principais demandas de empresas como Abanca, Accenture, Altia, Aluman, Antea Group, Applus+, Balidea, Centro Médico Sanitas Riazor, Cogami, Concello da Coruña, Deloitte, El Corte Inglés, El Pulpo, Emetel, Finsa, Garrigues, Grupo Eulen, Grupo Gabadi, Grupo Intaf, Grupo Tragsa, Hijos de Rivera SAU, Indra Group, Ineco, Innogando, Inserta Empleo, Invall, Inycom, Leroy Merlin, Management Solutions, Nauterra, Navantia SA, Norvento Enerxía, NTT Data, Nunegal Consulting, Oracle, PwC, Quest Global, Reganosa, Repsol, SANJOSE Constructora S.A., Tecdesoft e Tecnoloxías Plexus.
Ademais, a feira conta con outras actividades como ACTIVA-T, unha zona dedicada ao emprendemento, o emprego e a innovación, con mostras e premios de iniciativas emprendedoras, mesas redondas, recursos institucionais, oportunidades laborais e formación práctica orientada á mellora da empregabilidade.
No espazo EMPRENDE-T persoas emprendedoras de seis entidades de referencia falarán das súas experiencias e ofreceran consellos para poñer en marcha novas ideas e superar o medo a emprender.
COÑECE-T é un espazo anexo ao recinto da feira que conta cunha área de dinámicas de selección e de formación a través do xogo, nas que as empresas e entidades participantes interactúan co alumnado para dar a coñecer as súas metodoloxías e procesos.
A xornada complétase con múltiples actividades paralelas —photocall, audiovisuais, emisión en directo de CUAC FM, sorteos e agasallos— que fan desta primeira edición de IMPUSA-T unha nova iniciativa que terá continuidade ao longo dos anos.
Campus de Ferrol
Mañá día 30 será a quenda da feira no Campus de Ferrol, no que se prevé a implantación de 48 stands dos diferentes ámbitos produtivos. Así, na parte de IMPULSA-T estarán presentes os sectores naval, industrial, metal-mecánico, textil-moda, enerxía, defensa, madeira e deseño, alimentario, entidades de integración social, xestión e valorización de residuos, gran distribución, consultoría, etc. Un abano que se completarán cos colexios profesionais como os de enxeñeiros e clústeres.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC