A Universidade da Coruña participa na quinta edición do concurso da CRUE “#HiloTesis: tu tesis doctoral en redes sociales”

Nota de prensa

30/05/25 12:28

  • Institucional

 

  • A iniciativa está dirixida ao persoal investigador en formación e busca fomentar a comunicación científica a través de BlueSky.

 

  • As persoas interesadas en participar terán do 3 ao 17 de xuño para rexistrar as súas publicacións.

 

  • Esta edición contará con 3.000 euros en premios.

 

A Coruña, 30 de maio de 2025.- A Universidade da Coruña, a través da Unidade de Divulgación Científica e Cultural, participa un ano máis no concurso “#HiloTesis: tu tesis doctoral en redes sociales”, unha iniciativa da Conferencia de Reitores e Reitoras das Universidades Españolas (CRUE), en colaboración coa Red de Divulgación y Cultura Científica (RedDivulga) da sectorial CRUE-I+D+i e a Fundación Ignacio Larramendi.

Este certame está dirixido a persoas investigadoras que estean a realizar a súa tese ou que a defendesen nos últimos doce meses, e convida a presentar os seus traballos en formato de fío na rede BlueSky, empregando unha linguaxe accesible e un enfoque visual atractivo co obxectivo de achegar os resultados da investigación á sociedade. Na edición anterior presentáronse 362 fíos pertencentes a 49 universidades españolas asociadas á CRUE.

A finalidade desta iniciativa é fomentar a divulgación científica e o desenvolvemento de habilidades de comunicación no futuro persoal investigador, reforzando a relevancia social da investigación e considerándoa como un pilar clave para unha sociedade más aberta, xusta e equilibrada.

 

O concurso: prazos e instrucións

O concurso desenvolverase entre as 00:00 horas do 3 de xuño e as 23:59 horas do 17 de xuño de 2025 (hora peninsular). Para participar, é preciso inscribirse e achegar a ligazón ao fío a través do formulario habilitado nesta ligazón. Non se aceptarán fíos publicados fóra do prazo, sen rexistro, ou cuxa ligazón non sexa correcta.

A primeira publicación deberá incluír o hashtag #HiloTesis e, de ser posible, etiquetar as contas ‪@crueuniversidades.bsky.social, ‪@filarramendi.bsky.social e a conta da universidade ou da súa Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+I), se a ten. No caso da UDC sería a conta institucional da Universidade: @udc.gal.

A presentación poderá acompañarse de elementos visuais como imaxes, vídeos ou emoticonas, co fin de facilitar a comprensión do contido. Ademais, poderá redactarse en calquera das linguas cooficiais do Estado, aínda que será precisa unha versión en castelán se o fío resulta seleccionado para a fase nacional.

Nesta quinta edición haberá seis premios dotados con 500 euros cada un, grazas ao financiamento achegado pola Fundación Ignacio Larramendi. Cada universidade participante escollerá nun prazo de 7 días naturais, tras o remate do concurso, un #HiloTesis finalista que será enviado á organización para a súa avaliación polo xurado nacional e o fallo producirase previsiblemente na primeira quincena do mes de xullo.

Con este concurso refórzase o compromiso da UDC e da CRUE coa divulgación científica e o fomento da comunicación efectiva da investigación, co fin de achegar o traballo académico e científico á sociedade.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC