A Coruña, 21 de novembro de 2025.- A vicerreitora de Igualdade e Diversidade, Cristina López; a responsable da Área de Igualdade da Deputación da Coruña, Soledad Agra; e a directora da Oficina de Igualdade da UDC, Ana Neira; presentaron hoxe os puntos violeta instalados nas bibliotecas e aulas de estudo da Universidade, nunha iniciativa conxunta de ámbas institucións.
Estes puntos, un total de 20, consisten en tótems con forma de cubos que inclúen información sobre diferentes servizos, como a Oficina para a Igualdade de Xénero e a Unidade de Atención á Comunidade Universitaria LGTBIQ+ e sobre o protocolo para a prevención, detección e actuación da UDC ante situacións de violencia machista, discriminación ou acoso sexista, contribuíndo á identificación destas violencias.
Estes lugares están pensados para ofrecer información práctica e, ao mesmo tempo, serven de espazo para incorporar folletos sobre campañas e propostas de interese.
Actualmente, nos puntos violeta hai material editado pola área de Igualdade da Deputación da Coruña, como a “Guía de actuación ante situacións de violencia machista” e o tríptico de actuación ante situacións de violencia machista.
Ademais, a Universidade, grazas á colaboración da institución provincial, vén de editar unha “Guía de acompañamento a superviventes de violencia machista”, que se presentará a semana que vén dentro da programación dos actos organizados no marco do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, nos campus da Coruña e de Ferrol.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC