Convocatoria de axudas á investigación en lingua galega 2025

9/05/25 9:01

Teses de doutoramento, traballos de fin de mestrado e traballos de fin de grao

Convocatoria correspondente ao ano 2025, ao abeiro do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Universidade da Coruña para actuacións en materia de normalización lingüística, cuxo obxectivo é incentivar o emprego da lingua galega en tarefas investigadoras.

Persoas destinatarias

Alumnado de titulacións oficiais da UDC que redacte e defenda en galego a súa tese de doutoramento, o seu traballo de fin de mestrado ou traballo de fin de grao.

Axudas

Todas as persoas interesadas en redactaren e defenderen o seu traballo de investigación en lingua galega poderán contar co asesoramento lingüístico do SNL, que resolverá as dúbidas lingüísticas ou terminolóxicas que se lles presenten ou ben realizará unha revisión total ou parcial dos traballos.

A contía das axudas económicas é a seguinte:

  • 400 € para as teses de doutoramento
  • 150 € para os traballos de fin de grao de programas de simultaneidade (no caso de que os dous se defendan en lingua galega)
  • 100 € para os demais traballos de fin de grao e os traballos de fin de mestrado

Documentación

Para acceder ás axudas, o alumnado ten que realizar os seguintes pasos:

  1. Caso de que a Universidade non dispoña deles, achegar os seus datos bancarios a través do formulario de xestión de terceiros dispoñible na Sede Electrónica da UDC.
  2. Obter unha declaración do/a director/a do seu traballo, que deberá asinar dixitalmente a través do Portafirmas da UDC, en que se faga constar que a súa defensa se fixo en lingua galega.
  3. Presentar na Sede Electrónica ou, presencialmente, en calquera dos rexistros da UDC o modelo de solicitude debidamente cuberto (en DOC  ou PDF), unha copia do DNI e a dita declaración asinada.
  4. Depositar a través deste formulario unha copia en versión electrónica do seu traballo.

Lugar e prazo de presentación da documentación

En caso de dispoñer de certificado dixital, a documentación presentarase a través do Rexistro Electrónico da UDC (selecciónese no despregable o Servizo de Normalización Lingüística).

Tamén se poderá entregar no Rexistro Xeral da UDC ou no rexistro auxiliar de Ferrol, ou polos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O prazo de presentación, logo de defender o traballo en lingua galega, é de dous meses desde a data da defensa (ou desde a publicación desta convocatoria para os traballos que se defenderon a partir do 31/10/2024); o prazo xeral de presentación da documentación é o 31/10/2025 ou ben no momento en que se esgote o crédito destinado a esta actividade.

 Texto íntegro da convocatoria

Publicado por: Servizo de Normalización Lingüística