A Coruña, 11 de decembro de 2025.- A Cátedra Fundación Inade–UDC celebrou no Paraninfo da Universidade da Coruña a xornada “Rompendo barreiras: discapacidade, discriminación e seguro”, un encontro destinado a reflexionar sobre as barreiras que atopan as persoas con discapacidade para acceder a produtos aseguradores e a profundar nas obrigas legais do sector en materia de igualdade de trato.
O acto foi inaugurado por Jerónimo Puertas Agudo, vicerreitor de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, acompañado por Patricia Villajos, xerente do IGAPE; José Ramón Santamaría, presidente de Fundación Inade e Fernando Peña López, director da Cátedra Fundación Inade–UDC. Nas súas intervencións subliñaron o papel do seguro como instrumento de cohesión social e a necesidade de garantir unha contratación xusta, transparente e accesible para todas as persoas.
Un Caderno para comprender e combater a discriminación no seguro
Durante a xornada presentouse o X volume da colección Cadernos da Cátedra Fundación Inade – UDC, titulado “Discapacidade, discriminación e seguro” e elaborado polas catedráticas Natalia Álvarez Lata (Universidade da Coruña) e Cristina Guilarte Martín-Calero (Universidade de Valladolid). A obra parte dun feito preocupante: a pesar dos avances en autonomía e normalización das persoas con discapacidade, persisten prácticas diferenciadoras e discriminatorias no ámbito asegurador, en ocasións incumprindo a Disposición Adicional 4ª da Lei de Contrato de Seguro, vixente desde 2011.
O Caderno analiza o marco xurídico vixente, incluído o fito que supuxo a Lei 15/2022 de igualdade de trato e non discriminación, que converte este principio en eixo estrutural do ordenamento. A partir desta análise, identifica cando existe discriminación no contrato de seguro, cales son as súas manifestacións máis habituais e que consecuencias xurídicas poden derivarse destas.
A obra tamén incorpora un catálogo de boas prácticas, que propón medidas realistas para o sector asegurador, a Administración e a cidadanía, orientadas a previr a discriminación directa e indirecta e garantir un acceso máis equitativo aos produtos aseguradores. Entre elas destacan: a avaliación individualizada do risco sen recorrer a estereotipos; a accesibilidade universal nos procesos de contratación, atención ao cliente e xestión de sinistros; a esixencia de que calquera diferenza de prima ou cobertura estea debidamente xustificada.
Mesa redonda: igualdade de trato nos seguros de saúde
A primeira mesa redonda, moderada por Natalia Álvarez Lata, centrouse nun dos ámbitos onde a discriminación pode manifestarse con maior intensidade: os seguros de saúde. Fernando Peña (Cátedra Fundación Inade - UDC), Charo Jiménez Bautista (ASISA) e Inés Grande Domínguez (Asociación Española Contra o Cancro) compartiron as súas diferentes perspectivas para debuxar un panorama complexo no que as prácticas de contratación, valoración do risco e establecemento de coberturas poden dar lugar, en ocasións, a tratos diferenciados que afectan directamente as persoas con discapacidade.
O debate arrincou cunha reflexión sobre que significa realmente discriminar neste contexto e como diferenciar a discriminación lícita —amparada por criterios obxectivos e proporcionados— daquela que vulnera a normativa vixente. A partir de aí, revisáronse as principais reformas legais que marcaron o camiño nos últimos anos, como a Disposición Adicional 5ª da Lei de Contrato de Seguro, que prohibe discriminar por razóns de saúde, ou a incorporación do dereito ao esquecemento oncolóxico, que cambiou a forma en que se avalía o risco asociado a persoas que superaron un cancro.
Ao longo do diálogo xurdiron cuestións de enorme relevancia: se o dereito ao esquecemento debería ampliarse a outras enfermidades; en que supostos podería considerarse lexítima a denegación de contratación; como valorar as exclusións que afectan a todos os tratamentos dunha mesma patoloxía; ou de que modo controlar a discriminación indirecta que pode producirse cando se impoñen primas significativamente máis elevadas sen unha xustificación suficiente.
En conxunto, a mesa evidenciou que, aínda que o marco xurídico ofrece hoxe ferramentas máis sólidas para combater a discriminación, a operativa diaria dos seguros de saúde segue expondo desafíos que requiren criterios claros, formación especializada e unha maior transparencia do sector.
Mesa redonda: cara a unha contratación realmente accesible para as persoas con discapacidade
A segunda mesa redonda, moderada por Cristina Guilarte Martín-Calero, abordou o reto de avanzar cara a un modelo de contratación aseguradora plenamente accesible para as persoas con discapacidade. Nela participaron Carlos Esquivias Escobar (UNESPA); Raquel Correa García (Correduría Ilunion) e Luis Muñoz (Santalucía Servizos Compartidos), quen ofreceu unha visión complementaria sobre o percorrido que fixo o sector e os desafíos que seguen pendentes.
Carlos Esquivias trazou un percorrido sobre a evolución do compromiso do sector asegurador coa igualdade de trato, que comezou co Protocolo de colaboración asinado en 2007 entre CERMI, Fundación ONCE e UNESPA, un acordo que supuxo un primeiro compromiso formal do sector asegurador coa igualdade de trato e que abriu o camiño a iniciativas posteriores. Entre elas destacou a Guía de Bo Goberno das Entidades Aseguradoras en materia de Discapacidade (2008) e as diversas xornadas formativas impulsadas por UNESPA sobre accesibilidade web, accesibilidade en oficinas, contratación de persoas con discapacidade ou accesibilidade documental.
Desde a práctica profesional, Luis Muñoz achegou a perspectiva do asegurador, destacando a necesidade de adaptar procedementos e documentación para evitar barreiras que poidan traducirse en exclusións indirectas. A súa intervención sumouse á experiencia de Raquel Correa, quen subliñou que a accesibilidade non pode ser un elemento accesorio, senón un requisito imprescindible para que as persoas con discapacidade poidan exercer o seu dereito á protección aseguradora en igualdade de condicións. Insistiu na importancia de contar con procesos internos adaptados, formación específica e unha cultura corporativa que incorpore a diversidade como valor.
O diálogo deixou claro que, a pesar dos avances lexislativos e sectoriais, a accesibilidade real segue sendo un desafío operativo e cultural, e que será necesario seguir profundando na formación, a información e no desenvolvemento de solucións prácticas que permitan garantir unha igualdade de trato efectiva.
Seguiremos rompendo barreiras
O director de Fundación Inade, Adolfo Campos, clausurou a xornada, animando aos mediadores de seguros a seguir o exemplo de UNESPA e elaborar a súa propia Guía de Boas Prácticas, xa que, tal e como afirmou, “o cliente a quen acode é ao mediador, non ao produtor”.
Con esta xornada, a Cátedra Fundación Inade – UDC, así como os seus promotores (a Universidade da Coruña e Fundación Inade) reafirmaron o seu compromiso coa investigación e a divulgación en materia de xestión de riscos e seguros, promovendo espazos de reflexión que contribúan a mellorar a protección de todas as persoas.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC