Un total de 26 persoas investigadoras da UDC entre as máis influentes do ámbito científico, segundo a clasificación de Stanford

Nota de prensa

1/10/25 11:14

  • Institucional

 

  • A World's Top 2% Scientist List, elaborada pola Universidade de Stanford (EE.UU.), está considerada como unha das máis prestixiosas do mundo

 

  • Esta listaxe ten dúas clasificacións, unha primeira que inclúe toda a traxectoria da persoa investigadora, e unha segunda referida ao último ano de resultados

 

  • Das 26 persoas vinculadas á UDC, 12 son mulleres

A Coruña, 1 de outubro de 2025.- A Universidade de Stanford (Estados Unidos) vén de publicar o seu ránking “A World's Top 2% Scientist List“, incluíndo nel a 26 persoas que forman parte do PDI da Universidade da Coruña. Esta listaxe identifica ao 2% dos científicos máis influentes do mundo en todas as áreas de coñecemento, unha clasificación que analiza persoal investigador de todo o mundo a través da base de datos Scopus, proporcionada pola editorial Elsevier, que ordena en campos e subcampos científicos.

 

A World's Top 2% Scientist List xera dúas clasificacións, a primeira, que inclúe toda a traxectoria do persoal investigador, e a segunda, referida ao último ano de resultados.

 

Na primeira delas, a que inclúe toda a traxectoria investigadora, a UDC conta con 18 investigadores e investigadoras, onde as disciplinas que contan con maior representación son a Química e as TIC, seguidas da Medicina Clínica e a Investigación Biomédica, as Tecnoloxías Habilitadoras e Estratéxicas, e tamén as Ciencias Sociais.

 

Nesta listaxe aparecen Franciso Blanco, Germán Bou, Mª Generosa Crespo, do Departamento de Fisioterapia, Medicina e Ciencias Biomédicas; Christian Kennes, Carlos Jiménez, Carlos Platas Iglesias, Emilia Iglesias e María del Carmen Veiga, do Departamento de Química; María Isabel González Siso, do Departamento de Bioloxía; Darío Prada Rodríguez, do CICA; Ángel Fernández Flores, do INIBIC; Blanca Laffon, do Departamento de Psicoloxía; Tiago M. Fernádez Caramés, do Departamento de Enxeñaría de Computadores; Pedro Cabalar, Carlos Gómez Rodríguez e Verónica Bolón Canedo, do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información; Renée DePalma, do Departamento de Pedagoxía e Didáctica e José A. Orosa, do Departamento de Ciencias da Navegación e Enxeñaría Mariña.

En canto á listaxe que ten en conta as citas recibidas no ano 2024 son 18 as persoas incluídas. As Áreas máis representadas aquí son a Medicina Clínica e as TIC, seguidas da Investigación Biomédica, a Química, as Tecnoloxías Habilitadoras e Estratéxicas, a Bioloxía, a Enxeñaría e a Economía e Empresas.

 

Repiten entre os máis citados Tiago M. Fernández Caramés, Verónica Bolón Canedo, Carlos Jiménez, Christian Kennes, Blanca Laffon, Ángel Fernández Flores, Carlos Platas Iglesias, Francisco Javier Blanco, Germán Bou e María Generosa Crespo Leiro; e incorpóranse Paula Fraga Lamas e Diego Darriba, do Departamento de Enxeñaría de Computadores; Cristina Calvo-Porral, do Departamento de Empresa; Vanessa Valdiglesias, do Departamento de Bioloxía; Amparo Alonso Betanzos, do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información; Luis Cea, do Departamento de Enxeñaría; Laura Castro Santos, do Departamento de Enxeñaría naval e Industrial e Daniel López, do Departamento de Medicina Clínica.

 

O Ranking of the World Scientists: World´s Top 2% Scientists está considerado como un dos máis prestixiosos do mundo, e este ano publica a súa oitava edición tras a avaliación da información estandarizada sobre a produción científica, citas e outros indicadores bibliométricos de máis de 200.000 persoas investigadoras de todo o mundo procedentes de universidades, hospitais, centros e institutos de investigación.

 

Acceso á clasificación completa nesta ligazón.                       

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC