A Mariña Sustentable

Fundación Alcoa e Universidade da Coruña

A Fundación Alcoa traballa cunha cultura baseada en valores para minimizar o seu impacto ambiental mentres devolve resultados positivos para a sociedade. Deste xeito, colabora con asociacións sen ánimo de lucro e entidades público e privadas das zonas nas que está implantada, contando coa loita contra o cambio climático, a educación ambiental e a conservación da biodiversidade como as súas principais liñas de acción.

Pola súa banda, a Universidade da Coruña (UDC) conta cunha oficina propia para o traballo de ambientalización e sustentabilidade dos Campus: a Oficina de Sustentabilidade (OdS), dependente da Vicerreitoría de Infraestruturas e Sustentabilidade (VIS), co obxectivo de sensibilización e participación da comunidade universitaria e da sociedade nas cuestións relacionadas co medio ambiente.

É neste contexto no que ambas institucións converxen nas súas accións, permitindo impulsar proxectos comúns. Entre os anos 2018 e 2024 desenvolvéronse seis edicións de “Educando para a Sustentabilidade” entre ambas institucións, das cales tres contaron coa iniciativa “A Mariña Ambiental”, que chegou a máis de 2.400 alumnos e alumnas dos niveis educativos de infantil, primaria e secundaria da comarca lucense de A Mariña. Este éxito foi o impulsor do actual proxecto “A Mariña Sustentable”.

O proxecto

‘A Mariña Sustentable’ pretende achegar os conceptos básicos da sustentabilidade para  desenvolver desde idades temperás a capacidade para actuar naquelas cuestións ambientais hoxe prioritarias. Trátase dun proxecto multidisciplinar de educación ambiental que se achega a todos os sectores implicados nos centros educativos.

Obxectivos: Economía circular, Cambio climático, Pegada de carbono e Vida Saudable.

  1. Reducir o consumo de auga e enerxía, e as emisións de gases de efecto invernadoiro.
  2. Xestionar os residuos seguindo os principios de prevención, recollida separada, compostaxe e reciclaxe.
  3. Concienciar sobre os diferentes tipos de contaminación: solo, atmosfera, auga, ruído, luz, temperatura, incluíndo a problemática dos microplásticos nos ecosistemas e na saúde.
  4. Coñecer o impacto das accións individuais nun contexto global a través do cálculo da pegada de carbono persoal.

As accións propostas buscarán unha formación completa e durable no tempo, coa incidencia en tres niveis: persoal-familiar (fogar), centro de estudo, e comunidade local, mellorando o coñecemento para camiñar cara un estilo de vida e unha sociedade máis sustentable.

O proxecto distribúe as súas liñas de acción nos seguintes tres bloques temáticos:

Actividades formativas
Asesoramento técnico
Visitas guiadas ao campus da UDC

Contacto Tlf.: 981 167 000, Ext. 5626 / 5688

Correo-e: oficina.sustentabilidade@udc.gal / direccion.oficina.sustentabilidade@udc.gal