Enerxía

Manual auditoría do consumo de enerxía no fogar 

Este manual de auditoría e programa de uso eficiente da enerxía no fogar foi elaborado por Manuel Soto Castiñeira, profesor da área de enxeñaría química da UDC. O seu obxectivo é facilitar a realización dunha auditoría sobre o consumo de enerxía no fogar, determinar as opcións e o potencial de redución do consumo, e elaborar un programa de uso eficiente e solidario.  

A auditoría segue as metodoloxías dunha auditoría dirixida á minimización, polo que ten como obxectivo coñecer as actividades e lugares onde se consume enerxía, e determinar as causas (tipos de equipamentos e hábitos das persoas usuarias) dese consumo. Busca, en particular, detectar as principais causas dun posíbel gasto en exceso. O programa de uso eficiente da enerxía permite identificar as opcións de aforro e avaliar a súa viabilidade práctica e económica. 

O manual é de interese para calquera persoa como usuaria dunha vivenda. Tamén o pode ser para o seu uso en materias da UDC, nas que se queira facer uso do fogar como laboratorio. 

Descarga aquí o MANUAL ou a PRESENTACIÓN sobre a auditoría do curso Campus Casa Cidade Laboratorios do cambio. Unha vez feita a eco-auditoría na túa vivenda, se estás interesada/o en ter unha avaliación da mesma, podes enviar o teu resultado a oma2@udc.gal.  


Plataforma única de información, xestión e control de datos procedentes dos diferentes centros da Universidade da Coruña.

A Vicerreitoría de Infraestructuras e Sustentabilidade da UDC co apoio do INEGA, participa no proxecto de divulgación de boas prácticas promovido polo Centro Asociado a UNED-Tudela. Na PÁXINA WEB "ODS E BOAS PRÁCTICAS NA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA", a UDC fai pública a súa contribución ao ODS 7 "Enerxía asequible e non contaminante".

A acción desenvolta implica a creación dunha plataforma única de información, xestión e control dos datos dos distintos centros da Universidade da Coruña: Traballa con datos relacionados coa produción de enerxía solar fotovoltaica, o consumo de electricidade, gas, auga e xeración térmica. Tamén se consideran datos referidos á ocupación de espazos, temperatura, humidade, calidade do aire e concentración de radón.

Nos servizos centrais da Vicerreitoría de Infraestruturas e Sustentabilidade accédese á información en tempo real desde os sensores dispoñibles nos centros incorporados á plataforma. Os datos tamén se ofrecen, individualizados, nunha pantalla instalada en cada un destes centros para difundir medidas de aforro e concienciación.

O seguimento e a análise de datos xogan un papel importante para axudar a tomar decisións enerxéticas máis sostibles. A análise pormenorizada de toda a información, a xestión enerxética orientada á redución do consumo e o coñecemento dos custos enerxéticos orientarán a toma de decisións obxectivas.

Esta boa práctica ponse en práctica coa mellora da envolvente térmica dos edificios e a instalación de paneis solares fotovoltaicos ao abeiro das axudas para proxectos de eficiencia enerxética integral e proxectos de enerxías renovables térmicas do INEGA, Instituto Enerxético de Galicia da Xunta de Galicia, cofinanciado por fondos comunitarios derivados do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 "Unha maneira de facer Europa".

Desde 2019, ano no que se conseguiu a primeira subvención INEGA-Fondos Feder, realizouse un traballo intensivo en seis edificios da UDC.

Ligazón directa a ficha ODS7, contribución da UDC: https://ods-administracion.quned.es/ficha_ods7


Proxecto de optimización enerxética integral do edificio Normal

Trátase dun proxecto que se desenvolveu no ano 2020 grazas á colaboración e financiamento do INEGA, de importante envergadura e con enfoque integral do Edificio Normal (Campus Riazor). Abrangue unha serie de implantacións enerxéticas encamiñadas á mellora da eficiencia neste edificio con protección arquitectónica.

Entre as actuacións incluíuse a transformación da iluminación a tecnoloxía LED, a optimización enerxética da sala de caldeiras, a incorporación de cabezais termostáticos nos radiadores do edificio, a instalación de detectores de presencia en aulas, a integración dun sistema de xeración de enerxía fotovoltaica, a optimización de cargas permanentes, a implantación dun sistema de submétering e dun sistema de tele-xestión e control BMS, a implantación da medida de parámetros ambientais para o seguimento e monitoreo de calidade.

Así mesmo, o proxecto incluíu un capítulo de actividades para dar a coñecer a proposta e os seus beneficios ambientais, en concordancia coa función da Universidade como espazo de educación superior, e mais en concreto co compromiso da UDC no eido de sustentabilidade e mellora da xestión ambiental.

Con estas actuacións, a Normal convértese no primeiro edificio enerxeticamente sustentábel das tres Universidades galegas, alén de ter recibido o premio a Mellor proxecto de eficiencia enerxética nos VII Premios Galicia de Enerxía.


Guía para unha limpeza dixital. Boas prácticas

A contaminación dixital refírese á causada polo funcionamento de internet. Estímase que a enerxía requirida a nivel mundial e a súa pegada de carbono, xa supera á producida polas viaxes. Só a almacenaxe de datos no mundo equivale á enerxía xerada por cinco centrais nucleares, dato que se duplica cada dous anos.

En conxunto, o tráfico colectivo de internet, contribúe enormemente á emerxencia climática.

Nesta publicación móstrase o peso que ten a contaminación dixital para o medio ambiente, ademais de conter unha guía de boas prácticas para reducir a nosa pegada de carbono procedente das accións diarias coma enviar correos electrónicos, navegar por Internet, subir fotos á nube, reprodución de vídeos, seguir a nosa serie favorita en streaming...

Publicación elaborada e deseñada pola organización da EWWR, a OMA contribuíu coa súa tradución ao galego, que se pode descargar a continuación:

- EWWR2020 Guía Limpeza Dixital. Boas prácticas

- Ligazón á publicación en CAT, ENG, ESP, FR, IT


Campaña OFF para o Aforro de Enerxía na UDC (inicio 2017)

Obxectivo: campaña de concienciación sobre a necesidade de do aforro enerxético nas actividades diarias da comunidade universitaria, dirixida fundamentalmente ao que depende da iniciativa de cada persoa. Este obxectivo aparece na Guía da sustentabilidade da UDC (2010), tamén no plan estratéxico 2013-2020.

A campaña inclúe unha mensaxe directa á responsabilidade individual, tipo “A túa conduta importa” e “A importancia dun xesto”, acompañada doutra mensaxe relativa ao compromiso institucional, tipo “Responsabilidade compartida”. Ademais poténciase a difusión e acción de auditoría enerxética desde os Comités Green Campus, entre outras.

  • Mensaxe xeral ou básica para a UDC: Imaxe OFF. Proposta de colocación, un cartaz ou vinilo tamaño grande por centro, na entrada principal ou lugar equivalente.
  • Mensaxes complementarias: Imaxes.  Xa no interior dos centros, en espazos de encontro, colocaranse cartaces (ou vinilos en vidros) de tamaño máis pequeno (A3 ou A4) nos que se poden combinar algunhas destas mensaxes complementarias. E por último, e cada lugar estratéxico, tais como interruptores da luz, aparellos, etc, as mensaxes específicas que poden ser en tamaño pequeno (tarxeta) e imprimirse en papel ou vinilo adhesivo.

Diagnose Enerxética da UDC 

Ao longo do ano 2010, a UDC contou coa colaboración da Agència d’Ecología Urbana de Barcelona para a elaboración dunha diagnose enerxética da Universidade, que nos permitira un maior coñecemento da situación actual e da necesidade e o potencial de adoptar medidas de aforro e de promoción de fontes de enerxía alternativas.

Os resultados do traballo preséntanse nesta Diagnose Enerxética dos Campus Elviña e A Zapateira, e inclúen a análise dos datos de consumo de distintos tipos de enerxía por edificio e no espazo público, e descríbense algunhas das actuacións recomendadas.

Diagnose Enerxética dos Campus Elviña e A Zapateira


Plano enerxético

A UDC estableceu no ano 2009 por vez primeira unha partida dentro do capítulo VI destinada exclusivamente a mellorar as condicións de eficiencia enerxética nas instalacións e nas edificacións.

A actuación máis relevante neste eido no ano 2009 é a licitación da nova sala de caldeiras da Zapateira que servirá con mellor rendemento á Escola Técnica Superior de Arquitectura, á Escola Universitaria de Arquitectura Técnica e á Facultade de Ciencias e que será extensible tanto para a ampliación destes edificios como para o edificio de Departamentos de Arquitectura.

O Servizo de Arquitectura e Urbanismo da UDC completou cunha serie de medidas esta actuación. En case todos os casos solicitouse e obtívose a participación no financiamento do Instituto de Enerxía de Galiza (INEGA).


Aforro e eficiencia no uso da enerxía

A UDC comezou en 2006 un traballo decidido no eido da enerxía, cos primeiros estudos e actuacións a favor do aforro e a eficiencia enerxética, así como na substitución das enerxías convencionais por enerxías renovábeis e máis limpas. Desde aquela o criterio ambiental ten enorme importancia nas decisións técnicas tentando de reducir gastos enerxéticos nas solucións tomadas.

No ano 2007 realizáronse algunhas actuacións con moi bos resultados como:

  1. a substitución de lámpadas convencionais por outras de baixo consumo na iluminación interior dalgunhas aulas;
  2. un sistema de ventilación híbrida na Escola Técnica Superior de Arquitectura, cun moi baixo custo enerxético fronte a sistemas convencionais como aire acondicionado, ou
  3. a sectorización de instalación de calefacción en edificios, evitando ter que abrir as fiestras ao tempo que funciona a calefacción.

En 2008 acometéronse actuacións de rehabilitación ambiental mediante climatización natural e sistemas solares para a produción de auga quente, e entraron en funcionamento as primeiras instalacións fotovoltaicas da UDC. Outras medidas foron a sectorización da instalación de calefacción na Facultade de Informática, e o cambio de lámpadas na iluminación exterior por outras de baixo consumo.

A incidencia destas actuacións valorouse nunha mitigación do 2% das emisións de gases con efecto invernadoiro en 2008 e do 5% en 2009 (previsto). Tamén en 2008 a UDC asinou a adhesión á “Rede de enerxía sostible da Coruña”, para a cal adquiriu un novo compromiso co fin de paliar as consecuencias do cambio climático. Nos documentos anexos descríbense en maior detalle algunhas das actuacións da UDC no eido da enerxía.


Válvulas termostáticas

As válvulas termostáticas e os termóstatos empréganse para controlar a emisión de calor ou de frío nos sistemas de calefacción e acondicionamento, e permiten seleccionar unha posición para manter de forma automática a temperatura desexada no local de que se trate. A UDC está a colocar progresivamente este tipo de elementos nos seus centros, sempre que as infraestruturas existentes o fagan recomendábel. A comezos de 2009 colocáronse máis de 200 válvulas termostáticas.

Un maior confort e a redución do consumo innecesario son os obxectivos destas actuacións. Cada grao que se reduce a calefacción permite un aforro do 7% no consumo enerxético.

Máis información: Válvulas termostáticas. Que son e o porqué da súa correcta utilización.


Difusión

A UDC trata de dar publicidade ás medidas e actuacións en materia de enerxía, co obxectivo de informar e sensibilizar á sociedade na adopción de criterios de aforro e eficiencia enerxética, enerxías renovábeis e sostibilidade en xeral. É posíbel concertar visitas para grupos, tanto da propia UDC como externos (oma2@udc.gal).

  • Visita do alumnado do CIFP Someso (2009) ás instalacións de enerxías renovábeis da UDC: a instalación solar fotovoltaica do CITIC (Campus Elviña, con 9 kW de campo solar e 7,5 kW nominais), e a instalación solar térmica na Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física (Campus Bastiagueiro, con achega de enerxía para auga quente sanitaria e piscina). Imaxes
  • Visitas guiadas por  J.M. Giz, Técnico Superior de Mantementos da UDC, ás cubertas do CITIC durante os eventos "Encontro Solar na UDC", que se organizan anualmente co obxecto de dar visibilidade ao aproveitamento desta enerxía limpa e inesgotábel. Imaxes
  • II Encontro da Rede de Enerxía Sostible da Coruña (2009), onde a UDC presentou as liñas de actuación en enerxía e os resultados acadados, diante dun cento de persoas de distintas entidades con actuacións avanzadas en enerxía (Imaxe do Encontro).
  • Publicación do tríptico "Tí tamén podes axudar ao planeta", que recolle consellos para mellorar os hábitos no día a día, tanto no fogar coma na UDC. Elaborado polo grupo de bolseiras e bolseiros da OMA-Green Campus e poñendo ao superheroe Capitán Planeta como conselleiro cotiá.
  • Algunhas das actuacións pioneiras da UDC no eido da enerxía foron publicadas na Revista Galega de Ecoloxía e Medio Ambiente (Cerna):