Acreditación de competencia lingüística

1. O estudantado de países con idioma oficial distinto do español debe estar en condicións de seguir con normalidade as actividades docentes e aproveitar adecuadamente a docencia recibida, sendo requisito que posúan, como mínimo, un nivel B1 de español para poder preinscribirse nos másteres oficiais da UDC. Excepciónase desta esixencia o estudantado que tivese como lingua oficial o portugués, pola afinidade entre linguas.

Se na memoria de verificación dun máster se establecese un nivel superior de competencia en lingua española para acceder a este, deberase acreditar o dito nivel. Esta información está reflectida nos requisitos específicos de cada máster (consultar a ficha correspondente).

Esta esixencia non será de aplicación nos másteres con docencia impartida integramente en inglés.

2. Os/as solicitantes de estados con lingua oficial distinta do español ou portugués deberán presentar a acreditación da competencia lingüística en español ou galego no momento da preinscrición.

Os certificados admitidos para a súa acreditación son os seguintes:

  • DELE «Diploma de español como lingua estranxeira» expedido polo Instituto Cervantes.
  • SIELE «Servizo Internacional de Avaliación da Lingua Española», sempre e cando se superen as 4 destrezas.
  • Certificado oficial de español para estranxeiros, expedido conforme ao previsto no artigo 61 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, polas Escolas Oficiais de Idiomas.
  • Diploma de asistencia e aproveitamento dun curso de B1.2 ou superior do Centro de Linguas da UDC. Tamén se admitirán certificados expedidos por centros de linguas doutras universidades españolas.
  • CELGA II, conforme a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveles de coñecemento da lingua galega (CELGA), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

3. De non posuír certificación segundo o disposto no punto anterior, os/as solicitantes poderán realizar unha proba de competencia presencial no Centro de Linguas da UDC. A proba realizarase para os efectos de acceso a másteres da UDC e estará suxeita ás tarifas especificadas no dito centro. As persoas interesadas poden consultar a información no Centro de Linguas da UDC.

1. Para acceder ás titulacións de máster que requiran como requisito obrigatorio de acceso posuír un determinado nivel de inglés, o estudantado deberá acreditar o cumprimento da competencia lingüística, de acordo co nivel e o prazo de presentación establecidos en cada máster.

2. Para acceder aos estudos de máster que requiran como condición de acceso acreditar un nivel B1, o estudantado deberá cumprir e acreditar algunha das seguintes condicións:

  • Que posúe unha certificación oficial mínima de nivel B1 de inglés. Só se admitirán as certificacións oficiais recoñecidas pola Asociación de Centros de Linguas no Ensino Superior (ACLES) e os aceptados polas mesas lingüísticas da CRUE. Non se aceptarán informes de resultados de exame de nivel se o centro de acreditación emite certificación oficial. O Centro de Linguas publicará coa suficiente antelación as datas dos exames para certificacións oficiais a que se poderá presentar o estudantado coa finalidade de acreditar o seu nivel de idioma.
  • Que superou un curso equivalente a 4º da ESO ou superior en sistemas educativos de lingua inglesa.
  • Que posúe o diploma de asistencia e aproveitamento dun curso B1.2 ou superior do Centro de Linguas da Universidade da Coruña. Tamén se admitirán certificados expedidos por centros de linguas doutras universidades españolas.
  • Que realizou unha estancia académica nun centro en que a lingua vehicular fose o inglés durante os seus estudos de grao ou de máster de, polo menos, un cuadrimestre, cursando en lingua inglesa polo menos 18 créditos correspondentes a materias impartidas en lingua inglesa.

3. Para acceder a estudos de máster que requiran como condición de acceso acreditar un nivel B2 ou superior, o estudantado deberá cumprir e presentar algunha das seguintes condicións:

  • Que posúe unha certificación oficial de nivel B2 ou superior (segundo o caso) de inglés. Só se admitirán as certificacións oficiais recoñecidas pola Asociación de Centros de Linguas no Ensino Superior (ACLES) e os aceptados polas mesas lingüísticas da CRUE.
  • Que posúe o diploma de asistencia e aproveitamento dun curso B2.2 (ou C1.2 no caso das titulacións que así o requiran) do Centro de Linguas da Universidade da Coruña. Tamén se admitirán certificados expedidos por centros de linguas doutras universidades españolas.

4. Quedan eximidas de acreditar o idioma as persoas graduadas das titulacións en que o inglés sexa lingua de instrución de, polo menos, o 50 % das materias cursadas. Así mesmo, queda eximido de acreditar este requisito o estudantado procedente dos graos de Estudos Ingleses, de Tradución e Interpretación, de Linguas Modernas e outros de similar condición impartidos en universidades españolas ou estranxeiras, en que se acredite documentalmente cursar o nivel requirido en lingua inglesa.