Estimado alumno/a
Estimado profesor/a
Estimado membro do persoal de administración e servizos,
Hoxe iniciamos un novo curso, o terceiro marcado pola pandemia da covid-19, mais, afortunadamente, en mellores circunstancias que os anteriores pola cobertura da vacina. Quero aproveitar para ter un agarimoso recordo para todas aquelas persoas falecidas ou afectadas nalgunha medida por esta crise sanitaria. Así mesmo, quero homenaxear a todas as persoas que, de forma individual ou colectiva, enfrontaron as dificultades e contribuíron a que puidésemos saír desta grave situación. E unha mención especial á comunidade da Universidade da Coruña, profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos, por conseguirmos entre todos un pasado curso seguro e exitoso.
A pandemia obrigounos a utilizar novas canles e ferramentas no noso desempeño diario; canles e ferramentas que saberemos aproveitar para mellorar o noso labor. A expansión da dixitalización é un proceso imparable e a Universidade da Coruña, será un dos axentes centrais desa transformación.
Este ano académico 2021-2022 que comeza estamos mellor preparados e comezamos con forza e con ilusións renovadas, pero non debemos baixar a garda. Pídoche que sigas a cumprir as normas sanitarias e hixiénicas establecidas no teu centro.
Na Universidade da Coruña contamos cun profesorado investigador magnífico como se vén demostrando curso tras curso. Tamén contamos cun persoal de administración e servizos profesional e comprometido. A eles e elas, o meu recoñecemento e o meu ánimo para afrontar este novo curso.
Ao estudantado quero dicirlle, dicirche, que aproveites ben a túa estancia na UDC. Temos moito que ofrecerche porque sabemos que a universidade é un espazo de formación persoal, non só académica, tamén deportiva, cultural, comprometida en valores como a igualdade, a solidariedade e o respecto ao medio ambiente; son anos vitais cuxos efectos perdurarán ao longo do tempo.
Querido alumno, querida alumna, tes nesta universidade unha aliada para construír os teus soños. Esperamos estar á altura das túas expectativas.
Benvido/a a un novo curso na Universidade da Coruña!
Julio Abalde
Reitor