Día da Universidade 2024

Discurso do reitor

Presidente do Consello Social da Universidade da Coruña, vicerreitoras de Igualdade e Diversidade, de Divulgación, Cultura e Deporte, de Profesorado, vicerreitor de Investigación e Transferencia, Directora Territorial do Banco Santander Galicia, autoridades civís, políticas e militares, membros da comunidade universitaria, familiares, amigas e amigos todos:

Coma todos os anos por esta época, facemos hoxe un alto na rutina do traballo universitario para festexar o Día da Universidade. E ningún xeito mellor para facelo que agasallando os e as estudantes que destacan polo seu rendemento académico. Duas horas antes, neste mesmo Paraninfo, tivemos ocasión de homenaxear tamén ás persoas que alcanzaron o grao de doutor ou doutora no pasado curso académico, así como ás que foron galardoadas co Premio Extraordinario de Doutoramento.

Vaian por diante pois, os meus sinceros parabéns aos alumnos e alumnas que reciben hoxe o recoñecemento á excelencia no bacharelato; ás persoas gañadoras dos premios extraordinarios fin de grao, agradecendo ao Banco Santander o seu patrocinio, así como ás persoas gañadoras dos premios extraordinarios fin de mestrado; como xa tiven ocasión de facer, hai dúas horas loubando as novas doutoras e doutores; e mais a aquelas persoas que se fixeron acredoras dos premios extraordinarios de doutoramento. O alto número de persoas premiadas e o aforo limitado deste Paraninfo, fan que, un ano mais, se teñan que desenvolver dous actos para homenaxear a todas as persoas galardonadas.

Hoxe, no Paraninfo, en presenza dos membros da comunidade universitaria, autoridades e familiares, con este solemne acto, a Universidade da Coruña fai recoñecemento público da excelencia alcanzada nos vosos estudos. Recoñecemento público do esforzo, do sacrificio persoal e da constancia na procura da excelencia académica. Dito doutro xeito, recoñecemento dunha actitude exemplar de compromiso, persoal sobre todo, pero tamén familiar e social, que se traduce nos magníficos resultados dos vosos expedientes.

Un dos compromisos fundamentais que asume a universidade coa sociedade é formar persoas tituladas altamente cualificadas. É a súa primeira obriga, consubstancial á misión social que se lles encomenda ás institucións de educación superior. Ensinar e investigar. Xerar e transmitir o saber.

Nada nos vai desviar un só milímetro do noso compromiso de traballarmos arreo por conseguir estándares de calidade máis elevados na docencia e na investigación e unha xestión máis áxil e moderna a todos os niveis.

Temos o firme propósito de lle dar un maior empuxe á investigación, na súa transferencia á Sociedade e de nos abrir camiño no necesario proceso de internacionalización.

No curso 2022-23, ofertáronse na Universidade da Coruña 46 graos nas dife¬rentes ramas de coñecemento, 7 programas de simultaneidade e 2 graos abertos. O número de mestrados ofertados ese ano foi de 71, dos que 29 son programas nos que participan algunhas outras universidades de Galicia, do resto de España ou doutros países. Esa cooperación entre universidades acentúase mais, se cabe, no caso dos programas de doutoramento. Dos 39 programas ofertados actualmente pola UDC, 28 contan coa participación doutras universidades. Isto representa case un 72%.

As tres universidades galegas somos un bo exemplo de cooperación na docencia, e tamén na formación de novas investigadoras e investigadores. Cos folgos renovados tras o recente proceso electoral que nos trouxo, ao novo equipo, ao goberno universitario, propoñémonos corrixir disfuncións, enfrontar melloras e promover novas iniciativas.

Queremos consolidar a nosa estrutura das titulacións facendo unha análise da situación das actualmente existentes e, cando sexa o momento, apostando por outras cunha importante demanda social. Bos exemplos a seguir son os levados a cabo nos últimos 6 anos para a posta en marcha de títulos con tan boa acollida como os graos de xestión industrial da moda, ciencia e enxeñaría de datos, nanociencia e nanotecnoloxía, así como o grao interuniversitario en intelixencia artificial. Cando a Xunta de Galicia nos anuncie o inicio do proceso para discutir ás reformas a acometer no actual mapa de titulacións, cómpre levar a cabo un proceso interno previo no que os centros, e toda a comunidade universitaria se sinta interpelada e participe da decisión final.

Temos que lle facilitar ao alumnado instrumentos complementarios que o axuden na inserción no mercado laboral e habilidades e destrezas propias de profesionais que, máis ca nunca, van precisar na súa formación intelectual e na súa actividade profesional ao longo de toda a vida. Nas futuras microtitulacións engadirémoslle importantes matices novos ás clásicas esixencias universitarias.

Mais eu quixera que este Día da Universidade nos servise a todos para facermos unha reflexión sobre o valor da calidade da formación académica que impartimos nas nosas facultades e escolas. Ás veces semella que, poñendo a énfase noutras funcións universitarias, lles prestamos pouca atención –ou non lle prestamos a atención axeitada– á docencia e á aprendizaxe de calidade.

Diríase que se produce un certo desequilibrio entre a consideración institucional –e mesmo social– que se lle outorga á investigación e á transferencia fronte á que lle corresponde á instrución de profesionais altamente cualificados.

Porque do mesmo xeito que se constata a obvia importancia da investigación e da súa posta en valor, cómpre salientar que a primeira e máis directa contribución das universidades ao desenvolvemento socioeconómico é, precisamente, a achega de titulados e tituladas ben preparados. A calidade dos servizos públicos ou da actividade empresarial garda relación directa coa calidade dos profesionais que neles exercen o seu traballo.

Ese é o primeiro e inmediato valor social da calidade da formación que adquiren os estudantes. Esa é, pois, a primeira e máis directa responsabilidade de todos no proceso educativo, nomeadamente do profesorado.

Non teñan dúbida. A Universidade da Coruña, coma a maioría das universidades españolas, cumpre con eficiencia a función que ten encomendada. Lonxe de nós calquera indicio de autocompracencia. A sociedade, que nos ten como unha institución moi ben valorada, esíxenos un continuo esforzo de modernización que as universidades enfrontamos sen abandonar a nosa misión de reflexión, pensamento crítico e creación cultural. E ese esforzo mira cara a un obxectivo común moi claro: seguir investindo en talento. Talento como o que hoxe, na súa mellor expresión, recoñecemos neste acto.

A sociedade, as empresas, as administracións públicas teñen ao seu dispor universitarios ben formados, indispensable na sociedade do coñecemento. Gustaríanos que se soubese aproveitar esa fortaleza do noso país, froito do esforzo persoal de milleiros de estudantes e das súas familias, e do investimento de moitos recursos públicos.

A produción de coñecemento é a maior riqueza que temos. Sociedade e gobernantes deben velo así. Galicia non pode dilapidar os seus recursos humanos mellor preparados, do que depende en boa medida o seu futuro económico e social. Son erros que logo se pagan caros.

Hai só dez días tomei posesión, aquí, no Paraninfo, como reitor da Universidade da Coruña. Lembrei, na campaña electoral, e reitero agora, a famosa frase de Nelson Mandela: a Educación é a ferramenta mais poderosa para cambiar o Mundo. A idea central que me levou á Reitoría reside na defensa, sen reservas nin matices, da Universidade pública como eficaz motor social. Ademais, por suposto, de instrumento primordial para o desenvolvemento económico, social e cultural do país.

Xa que logo, a Universidade da Coruña seguirá defendendo, como o veu facendo estes últimos anos, o modelo de universidade pública e o mantemento dos prezos públicos nos estudos de grao, posgrao e doutoramento.

O equipo de goberno que presido comeza a seu mandato estes días inmerso nunha precampaña e en breve campaña electoral para as eleccións ao Parlamento de Galicia. Como dixen neste mesmo Paraninfo hai dez días, pido a todas as forzas políticas que concorren a estas eleccións que escoiten ás universidades para elaborar as súas propostas en materia de financiamento do Sistema Universitario de Galicia (SUG), que aposten pola Ciencia, a Investigación e a Innovación, que establezan mecanismos para reforzar o SUG, por medio de normativa que favoreza os títulos e centros interuniversitarios e que nos apoien para desenvolver eficientemente proxectos e centros de investigación, cunha axeitada planificación plurianual das convocatorias e da súa execución.

Coa visión de futuro esixible á alta responsabilidade que asumimos, faremos un esforzo especial por desenvolver o programa con que nos presentamos diante da comunidade universitaria. O noso é preparar, formar titulados e xerar saber valioso a través da investigación. Isto é o que imos seguir facendo. Eses seguirán a ser os nosos puntos de referencia.

E para preparar bos universitarios cómpre captar profesorado con talento e promover a docencia e a investigación de calidade.

Formar unha ou un docente, así como tamén unha investigadora ou un investgador, é unha labor que leva o seu tempo, mais a perda de recursos humanos en docencia e investigación pode producirse de xeito rápido e brusco cando a distribución da idade do cadro de persoal está moi concentrara nos anos inmediatamente anteriores á idade de xubilación. Daquela, é moi importante acometer unha análise polo miudo, desagregada, das necesidades de novo profesorado nas diferentes áreas e departamentos da nosa universidade. So desta forma, poderemos levar a cabo con éxito o necesario relevo xeracional.

Máis nada pola miña banda. Reitero os parabéns para todas as alumnas e alumnos presentes e comparto coas vosas familias a súa lexítima satisfacción pola vosa magnífica resposta ao seu esforzo para que chegásedes a esta meta.

Parabéns en nome da Universidade da Coruña.


A Coruña, 26 de xaneiro de 2024