Sr. Presidente do Consello Social da UDC
Autoridades
Membros da comunidade universitaria
Familiares, amigas e amigos todos:
De seguro non hai xeito mellor de festexar p día de hoxe que recoñecendo publicamente os alumnos e alumnas que máis salientaron no pasado curso nos distintos niveis da formación universitaria.
Unha moi antiga tradición puxo nas mans de San Tomé de Aquino o padroado dos estudantes. Aproveitamos a xornada, festiva nos campus, para premiar os mozos e mozas que acreditaron o seu talento e esforzo ao longo do curso pasado.
Parabéns para os/as bachareles que acabades de chegar aos nosos campus da Coruña e de Ferrol xa cunha meritoria traxectoria que, de seguro, terá continuidade en vindeiros cursos.
Os premios á excelencia no bacharelato son unha inmellorable tarxeta de presentación. Acollemos con orgullo e compracencia a vosa decisión de estudar a carreira na Universidade da Coruña.
Uns comezades os estudos universitarios e outros acaban de os rematar completando un magnífico currículo académico e superando con gran nivel os requisitos para se converter en novos graduados da nosa universidade.
Para todas e todos vós, os que comezades e os que rematades, vaian os meus máis calorosos parabéns persoais, do equipo de goberno e de toda a comunidade universitaria. Facemos extensiva a felicitación ás familias e ao profesorado que participa ou participou na vosa formación académica.
Parabéns, así mesmo, para todas as persoas que recibiron formación investigadora nos nosos centros e que, logo de leren a súa tese, acadaron o grao de doutores e doutoras pola Universidade da Coruña.
Mención especial, por suposto, para os que pecharon o seu ciclo formativo universitario cun premio extraordinario de doutoramento.
Parabéns, de verdade, moitos parabéns a todas e a todos. Compartimos a vosa ledicia e a das vosas familias.
Ano tras ano repetimos este acto conmemorativo e aos reitores sempre nos gusta ampliar os parabéns ás familias e mesmo aos amigos. E non só por unha razón de estrita cortesía (que xa abondaría), se non tamén porque dalgún xeito simbólico representan hoxe aquí no Paraninfo, o conxunto da sociedade.
A Universidade, unha universidade pública como a nosa, finánciase fundamentalmente con recursos públicos. Isto é, finánciaa a propia sociedade, que nos fai depositarios da responsabilidade de impartir a educación superior.
As familias, a sociedade, encárgannos unha formación cualificada para os seus fillos e fillas. Unha formación que vai ter un peso determinante tanto no seu propio desenvolvemento persoal como no seu futuro profesional.
Na comunidade universitaria nunca esquecemos esa dimensión persoal e familiar, e daquela social, que ten o acceso aos estudos superiores.
De aí tamén que sempre defendamos ese acceso ao ensino universitario como un dereito irrenunciable, en cuxo exercicio as administracións públicas están obrigadas a garantir unha verdadeira igualdade de oportunidades.
---
Hai xustamente dous anos que tiven a honra de ser elixido para asumir a dirección da nosa universidade. Estou, xa que logo, no ecuador do mandato estatutario de catro anos.
Dixen entón –e reafirmo agora– que a idea motriz do meu equipo de goberno era darlle un novo impulso á UDC desenvolvendo con rigor e con enerxía as directrices establecidas no noso Plan Estratéxico 2014-2020. Unhas directrices que teñen na internacionalización e na calidade os seus piares fundamentais.
A calidade non é unha abstracción retórica, senón un obxectivo ambicioso e un proceso continuo que require a implicación de todos os membros da comunidade universitaria.
Coido, humildemente, que enfilamos o camiño correcto. camiño que configura unha universidade onde a calidade é, como debe ser, o principio reitor.
E non me resisto a mencionar aquí o comentario recente da enxeñeira informática Miriam Pena, elixida como unha das doce enxeñeiras con máis proxección de Silicon Valley. Pena, galega de Bueu, declara sentirse moi orgullosa da educación superior española e da excelente formación recibida na Universidade da Coruña. “Moita xente coa que traballo non ten a formación que temos nós”, comentou esta ex alumna nunha entrevista.
Pois si. Unha universidade moderna, situada no cerne da sociedade do coñecemento, debe ser quen de preparar os seus estudantes ao máximo nivel para enfrontar retos profesionais en calquera lugar do mundo.
Para cumprir esa misión, o mesmo que para estar á altura na investigación científica e na transferencia de coñecemento, cómpre traballar todos os días na procura da calidade. E cómpre saber ler o momento histórico que nos toca vivir. Entender os cambios profundos nas expectativas, nas demandas e nas ferramentas en que nos temos que instruír.
Nesa dirección van algunhas iniciativas moi importantes que se tomaron nos últimos meses, encamiñadas a reforzar a oferta de graos e de mestrados oficiais nos dous campus da Coruña e de Ferrol.
Ademais de accións xa en marcha, como a residencia universitaria da Coruña, nos próximos cursos vanse introducir novos graos en Paisaxe, en Ciencia e Enxeñaría de Datos e en Creación Dixital, Animación e Videoxogos, no campus da Coruña.
Igualmente, no campus de Ferrol son tres os graos de nova creación: en Xestión da Información e da Documentación Dixital e en Xestión Industrial da Moda e o grao dual en Enxeñaría Eléctrica.
No vindeiro setembro impartiremos, xunto coa Universidade de Santiago, o grao en Paisaxe, primeiro grao compartido dentro do sistema universitario galego. En Ferrol comezará o primeiro curso do grao en Xestión Industrial da Moda.
A oferta de mestrados potenciarase cunha decena de novos títulos, que van da Xeoinformática á Biodiversidade Terrestre pasando por títulos como Produción Xornalística e Audiovisual ou Enxeñaría Aeronáutica, por citar algúns exemplos.
Así mesmo, este ano imos promover as especializacións da UDC para o campus coruñés, reformulado nun Campus de Sustentabilidade e noutro Campus Innova, de xeito semellante ao que fixemos en Ferrol co Campus Industrial.
Para non alongar de máis este discurso, só engadirei que seguimos impulsando a internacionalización con novos convenios con universidades de todo o mundo, ao tempo que ampliamos a docencia en inglés e incrementamos as opcións para a mobilidade de membros da comunidade universitaria.
Máis nada pola miña parte. Reitérolles os parabéns a todos os premiados e aos novos doutores e doutoras.
Así mesmo, quero deixar constancia do agradecemento da Universidade da Coruña ao Banco Santander polo seu compromiso coa nosa institución para a dotación económica dos premios.
Moitas grazas a todas as autoridades e representacións que quixeron estar hoxe connosco para festexar o patrón do estudantado. Para festexar o Día da Universidade.
Deseguido o Coro Universitario vaille poñer o lazo musical a este acto central do San Tomé de 2018.
A Coruña, 29 de xaneiro de 2018