Sr. Presidente do Consello Social da UDC
Autoridades,
Membros da comunidade universitaria
Familiares, amigas e amigos todos:
A celebración do San Tomé ofrécenos cada xaneiro a oportunidade de homenaxear ás alumnas e aos alumnos máis destacados e, ao mesmo tempo, de reflexionar sobre o presente e o futuro da universidade, poñendo o foco no estudantado. Isto é, na formación universitaria da mocidade, o obxectivo da primeira e fundamental misión dos campus: a transmisión do saber.
Non hai xeito máis idóneo de cumprir coa tradición festiva de hoxe que facendo recoñecemento público dos méritos de quen obtén os mellores resultados académicos ou dos que completan o seu percorrido polas aulas doutorándose na nosa universidade. É, efectivamente, o mellor xeito, e tamén un inexcusable deber de xustiza.
Dende logo, non hai mellor recompensa que a íntima satisfacción persoal de chegar á meta, pero a tasfacción medra se se entra en cabeza e o público nos premia cun merecido aplauso.
O recoñecemento da comunidade universitaria, das familias e da sociedade no seu conxunto visualizámolo neste acto simbólico no Paraninfo, marco habitual dos días importantes da Universidade da Coruña.
E correspóndeme a min, como reitor, exercer a función de voceiro colectivo para transmitirvos a todas e e todos a felicitación institucional, á que eu, por suposto, me sumo persoalmente con satisfacción.
Parabéns para os estudantes máis novos, os que acabades de chegar ás facultades e escolas da Coruña e de Ferrol co aval da vosa excelencia no bacharelato que, estou seguro, hase prolongar nos anos vindeiros nos vosos graos.
Os meus parabéns tamén para todas as alumnas e alumnos que demostraron o máis alto rendemento académico e se fixeron acredores dos premios extraordinarios de grao, cun nivel exemplar de esforzo, responsabilidade e compromiso.
Felicitación particular para os novos doutores e doutoras pola Universidade da Coruña, en especial para os que concluíron esta etapa de formación investigadora con premio extraordinario.
O doutoramento é unha formación imprescindible na carreira docente e investigadora e un dos indicadores básicos para medir a calidade dos campus.
Na actualidade, a Escola Internacional de Doutoramento da UDC ofrece 36 programas.
Programas de calidade e interuniversitarios, internacionalización e empregabilidade son algúns dos referentes –non os únicos– cos que traballamos neste nivel educativo.
O vixente Plan Estratéxico da UDC marcouse entre os seus obxectivos prioritarios os de elevar a calidade da formación doutoral e potenciar a obtención da Mención cara á Excelencia.
►
A educación, sempre a educación, en todos os seus niveis, vital para o progreso material e espiritual da sociedade.
O mesmo que as etapas anteriores, a educación superior, tamén é un dereito, a cuxo cumprimento atendemos as universidades públicas. Na medida en que mellor facilitemos a igualdade de oportunidades, máis coherente e valioso será –desde o punto de vista cívico– o traballo que desenvolvemos nas universidades públicas.
E, de igual xeito, na medida en que a docencia e a investigación universitarias respondan a parámetros de excelencia, mellor servizo lles prestaremos non só aos estudantes que preparamos, senón á sociedade enteira, que demanda profesionais de alta cualificación para asumir as maiores responsabilidades.
Nunca tanto coma hoxe estivo o futuro dunha sociedade nas mans da súas universidades.
A capacidade de crecemento económico na nova economía e o desenvolvemento sustentable dependerán, en gran medida, da capacidade dos campus para formar profesionais, investigar, transferir coñecemento e tamén –cómpre dicilo neste tempo de incertezas– de liderar a promoción dos valores cívicos e democráticos propios das sociedades avanzadas.
Como reclaman as directrices da Unión Europea, temos que promover a excelencia no desenvolvemento de capacidades. Niso estamos. Ese é o noso esforzo fundamental no día a día das aulas. Niso traballa a Universidade da Coruña, inmersa nunha dinámica de permanente actualización, evolución e adaptación aos cambios sociais rápidos, tan propios da sociedade do século XXI.
O equipo de goberno que presido desde hai tres anos orienta a aposta da UDC pola mellora da docencia utilizando como ferramentas estratéxicas a calidade docente, a innovación, a modernización da xestión e a renovación tecnolóxica. Este foi o meu compromiso público desde o primeiro día e esta é a senda na que, con rigor e convición, nos vimos movendo desde entón.
O catálogo de titulacións de grao e mestrado da nosa universidade ofrece programas e plans de estudos ben concibidos, centrados tanto na capacitación metodolóxica, científica e técnica dos estudantes como nas súa necesidade de aprendizaxe de destrezas e competencias transversais.
Este mesmo curso puxemos en marcha en Ferrol o novo grao en Xestión Industrial da Moda, mentres a nosa Universidade e a de Santiago daban un paso adiante co primeiro grao compartido do sistema universitario galego: o grao en Paisaxe.
O vindeiro setembro, cando arranque o curso 2019-2020 teremos xa alumnado noutros dous graos de nova implantación: o grao de Ciencia e Enxeñaría de Datos e o grao de Creación Dixital, Animación e Videoxogos, grao en Xestión Dixital de Información e Documentación e a transformación do Grao en Enxeñería Eléctrica no primeiro grao dual do SUG.
De igual xeito, unha vez consolidada a oferta de mestrados oficiais (58 a día de hoxe), estaos a potenciala incorporando títulos de novo deseño que permiten especializarse en novos ámbitos e, daquela, reforzan a preparación para o acceso ao mercado laboral, come é o caso do novo Mestrado Universitario en Ciberseguridade.
Trátase de másters de nova xeración, que se engaden aos xa existentes e que –coido– deseñan unha moi completa e atractiva oferta de titulacións de posgrao.
►
A Universidade da Coruña avanza firme nun decidido proceso de internacionalización, que atinxe a todos os niveis da estrutura de titulacións.
Abrimos unha liña de alianzas estratéxicas con prestixiosas universidades estranxeiras para fortalecer o mesmo as titulacións compartidas que a cooperación científica. A internacionalización, que vai moito máis alá da mobilidade de estudantes, é un dos grandes retos que enfrontamos e no que nos propoñemos seguir afondando.
Por outro lado, e nese traballo seguido de adaptación e de resposta ás necesidades sociais, a nosa Universidade deu nos últimos meses, como saben, un paso moi importante na estratexia de especialización.
Lanzamos un ambicioso proxecto de reordenación e reorientación que vai reforzar o posicionamento dos nosos campus no contexto nacional e internacional (tanto no ámbito docente como no científico e no da transferencia de resultados ao sector produtivo) e no que se implicou con decisión toda a comunidade universitaria.
Logo de reconfigurar o campus de Ferrol en 2016 como Campus Industrial, este ano que acaba de rematar fixemos o propio na Coruña cos Campus Sustentabilidade e Campus Innova.
Os campus especializados, con substanciais modificacións, no modelo organizativo que tiñan ata agora dannos un novo impulso e melloran –xa están a mellorar– a nosa eficiencia e o noso dinamismo, tal como corresponde a unha universidade do século XXI.
O Campus Sustentabilidade engloba catro liñas de especialización e cubre áreas de cidade e territorio, economía circular e sustentable, sociedade e educación ambiental e vida saudable.
O último en se definir é o Campus Innova, subdividido en tres grandes áreas: Innova TIC, Innova Tech e Innova Humanitas. Un campus chamado a se converter en polo de excelencia na innovación dixital, tecnolóxica e humanística. Un campus para nuclear un ecosistema innovador, en estreita colaboración con administracións públicas e con empresas do sector dixital e tecnolóxico.
►
A este ámbito da innovación dixital pertence o proxecto da Cidade das TIC, promovido pola Universidade da Coruña en colaboración co Cluster das TIC e co apoio de importantes empresas e das administracións públicas.
Como é coñecido, este proxecto conta co visto bo do Ministerio de Defensa, propietario dos terreos da antiga fábrica de armas da Coruña, en parte dos que se pretende situar este novo gran polo de innovación para facilitar as sinerxias entre os investigadores da UDC e empresas de alto desenvolvemento tecnolóxico.
Se entre todos somos quen de levar a diante este proxecto, sen dúbida abriranse magníficas oportunidades, o mesmo para a formación que para a investigación e para a transferencia de resultados no estratéxico sector das tecnoloxías da información e da comunicación.
E coido innecesario subliñar o valor que unha iniciativa deste calibre ten non só para a Universidade da Coruña, senón para o desenvolvemento económico de Galicia e para a reorientación do seu sector industrial, tan castigado nos últimos tempos.
Axiña constituirase unha comisión entre o Ministerio de Defensa, o Concello da Coruña e a Universidade da Coruña para poder ter listo, antes de que remate o ano, o correspondente plan director dun proxecto ambicioso, viable, oportuno e moi ilusionante para a comunidade universitaria, para A Coruña e para Galicia.
Nesta ocasión, como en tantos outros retos das universidades, resulta imprescindible a colaboración das institucións públicas e a suma de esforzos cara un obxectivo común, claramente positivo, en que converxemos todos: o progreso da nosa sociedade.
Foi precisamente a colaboración institucional da Deputación Provincial o que nos permitiu abrir este curso a residencia universitaria Elvira Bao, na Coruña.
Contar cunha residencia pública, con prezos públicos, era unha das máis vellas reivindicacións da nosa universidade. Era unha inxustiza e un burato negro na estratexia de defensa da igualdade de oportunidades que alenta a xestión deste e dos anteriores equipos de goberno.
A nós, ás universidades, correspóndenos xerar e promover o talento, formular proxectos e actuar como axentes activos para o crecemento cultural e para o progreso colectivo.
Pero as universidades dependemos do apoio material e dos recursos que nos acheguen as administracións públicas. Por iso nos resentimos tanto estes anos, cando o gasto universitario se reduciu un 17% no período 2010-2015, como acaba de poñer de manifesto un informe da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas.
Na UDC acabamos de aprobar o orzamento para 2019, que mellora o do ano pasado, pero aínda queda lonxe de recuperar os niveis anteriores á crise económica.
►
Ben está lembrar, como acabo de facer, algunhas das nosas principais novidades, os nosos proxectos e as nosas inquedanzas. Mais nunca debemos esquecer que a materia prima coa que traballamos nas aulas universitarias é o talento, ese elemento fundamental que hoxe temos aquí, no Paraninfo, en elevadas doses de concentración.
Parabéns de novo a todas as alumnas e alumnos agasallados no San Tomé de 2019, parabéns que fago extensivos a todos os familiares e amigos que vos acompañan nun día que para sempre quedará marcado en vermello no voso calendario vital.
Non quero finalizar se dar as grazas tamén aos membros da comunidade universitaria, ás autoridades e as representacións que nos quixeron acompañar no día grande dos estudantes universitarios. Ω
Moitas grazas a todos e todas
A Coruña, 28 de xaneiro de 2019