Prezada profesora Gastaldo,
Membros do Claustro,
Autoridades,
Amigas e amigos todos:
Hoxe as galas simbólicas da Universidade da Coruña trasladáronse a este fermoso escenario do Teatro Jofre para acoller no seu claustro de honra á profesora Denise Gastaldo.
Cando unha universidade acorda conceder un doutoramento honoris causa está a facer un recoñecemento a unha traxectoria vital e/ou profesional de singular transcendencia en calquera ámbito da vida académica, científica, social, cultural ou económica.
Mais, ao mesmo tempo, a propia universidade está a debuxar un novo trazo no seu perfil como institución pública dedicada ao cultivo e transmisión do saber.
Co nomeamento, incorpora un novo referente de prestixio e excelencia. Un referente para a comunidade universitaria e, por extensión e pola propia función da universidade, para a sociedade da que formamos parte e para cuxo progreso traballamos arreo.
Xa que logo, o nomeamento de Denise Gastaldo é non só un moi xusto recoñecemento á súa exemplar traxectoria, senón tamén un motivo de orgullo para todas e todos nós: o profesorado, o persoal e os estudantes que se forman aquí, no campus de Ferrol e mais no campus da Coruña.
A precisa laudatio da profesora María Jesús Movilla deixa ben explicados e xustificados os motivos académicos e científicos que levaron á Universidade da Coruña a facer súa a proposta da Facultade de Enfermería e Podoloxía e do Departamento de Ciencias da Saúde para concederlle o doutoramento honoris causa a Denise Gastaldo.
O seu currículo acredita unha longa dedicación á formación académica do persoal de enfermaría, por unha banda, e, en paralelo, unha intensa dedicación a facer e promover investigación cualitativa en saúde. Investigación sempre orientada a que o coñecemento reverta nunha mellora asistencial verdadeira (no plano individual ou no colectivo) e sexa realmente transformador.
Coido especialmente enriquecedor, relevante e exemplarizante para o presente e o futuro das enfermeiras e dos enfermeiros en formación a impregnación de valores éticos que percorre a incansable actividade da nosa nova doutora honoris causa.
Porque, en efecto, a profesora Gastaldo fai un exercicio de valentía, de coherencia e de compromiso ao enfrontar a investigación coa ollada posta no impacto social, como ela mesmo acaba de salientar no seu brillante discurso.
E faino, con moita frecuencia, a contracorrente, poñendo por diante o interese social, a inclusión e a solidariedade cando traballa en territorios – como o da inmigración ou o da discriminación de xénero– en que se evidencian con maior dureza os efectos do contorno social sobre a saúde.
Agradécese, por iso, o seu vivificante espírito crítico coas estruturas burocráticas, co economicismo descarnado que nos mostra a peor cara do capitalismo e coas políticas de todo tipo –tamén as científicas– cando non priorizan como deberían o ben común e a cohesión social.
Denise Gastaldo artella con sabedoría o ensino coa investigación cualitativa. A investigación cualitativa co ensino, nunha imbricación particularmente necesaria e fluída no ámbito das ciencias da saúde, fundamental tamén para a boa preparación das e dos estudantes que se forman nas aulas das escolas de enfermaría. Como dicía o seu admirado mestre Paulo Freire, “ensinar é posibilitar que os alumnos, ao promover a súa curiosidade e volvela cada vez máis crítica, produzan o coñecemento en colaboración cos profesores”.
A Universidade da Coruña tivo a feliz oportunidade de contar coa colaboración e o apoio impagable da profesora Gastaldo desde os inicios mesmo da andaina da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, hai pouco máis de dez anos. Tamén por iso, pola gratitude debida, estamos hoxe aquí.
Si, porque dificilmente se entendería a exemplar adaptación da antiga escola de enfermaría á nova estrutura de graos establecida nas reformas de Boloña sen contar con apoios desta categoría.
Daquela abordouse unha reconversión de grande envergadura e fondas implicacións, tanto académicas como científicas, con tanta ilusión como esforzo por parte de moita xente. Parte desa xente atópase aquí presente, neste acto simbólico en que, por primeira vez, incorporamos unha doutora honoris causa da área de Enfermaría.
A modernización dos estudos e do exercicio profesional da enfermaría era unha urxencia ben constatada pola profesora Gastaldo cando chegou a España, hai vinte anos, e se atopou co que se atopou. Enténdese ben o seu orgullo por ter participado nese “milagre español” que transformou o panorama existente entón.
Coido que podemos sentirnos satisfeitos do grao de area achegado pola Universidade da Coruña nese papel modernizador, impulsado desde unha facultade aberta, dinámica e desbordante de ilusión. Centos de profesionais formáronse nos últimos anos nas súas aulas cun elevado nivel académico nos graos de Enfermaría e de Podoloxía.
A enfermaría púxose ao día ao tempo que a sociedade esixía máis e mellores profesionais, capaces de enfrontaren os rápidos cambios sociais, en xeral, e os do sistema sanitario e da propia profesión, en particular. Profesionais capaces de traballaren en escenarios clínicos ou sociais novos, que esixen destrezas e habilidades tamén novas e actitude para a aprendizaxe ao longo de toda a vida.
Con xenerosidade, a doutora Gastaldo decantou o seu saber e a súa experiencia na xestación e nos primeiros pasos da Facultade de Enfermaría como centro non só académico, senón tamén científico. Achegou visión e estímulo para impulsar a formación investigadora e experiencia e amplitude de miras para situala nun contexto formativo e investigador interdisciplinario e internacionalizado.
Temos que lle recoñecer a Denise Gastaldo o seu apoio e a súa comprensión e conexión co espírito da Universidade da Coruña. Porque a aposta pola formación investigadora e pola internacionalización forman parte do código xenético da nosa institución.
Somos unha universidade moi nova e, como institución pública de educación superior, fondamente comprometida co exercicio das misións que a sociedade nos encomenda: formar bos profesionais, investigar e transmitirlle o coñecemento á propia sociedade para promover o seu progreso social, cultural e económico.
Temos a nobre e fermosa obriga de xestionar o talento que acubillan os nosos estudantes e os nosos científicos. Poder contar coa colaboración, a experiencia e o saber de personalidades de primeira fila mundial como Denise Gastaldo é para nós un agradecido privilexio.
Remato xa, pero antes de lle dar paso a Guadi Galego para que lle poña o ramo a este acto solemne, quero dicirlle a Denis Gastaldo que non lle podo dar a benvida á Universidade da Coruña, porque xa formaba parte dela, pero si mostrarlle o noso agradecemento por aceptar incorporarse ao noso claustro de honra.
Ao cabo, sentímonos gratificados porque a súa “extraordinaria ubicuidade internacional” á que se refería a profesora Movilla na laudatio, trouxese esa a súa maletiña tan viaxeira tamén a Ferrol, á nosa e súa universidade.
Moitas grazas a todas a todos por nos acompañar hoxe nesta xornada xubilosa do campus ferrolán da Universidade da Coruña.
A Coruña, 19 de setembro de 2019