Estimados profesores Boaventura de Sousa e Xosé Luís Armesto,
Autoridades, representacións,
Membros da comunidade universitaria,
Amigas e amigos todos:
Case tres anos e medio despois de ter connosco ao profesor Boaventura de Sousa na conmemoración dos primeiros 25 anos da Universidade da Coruña, honrámonos con volvelo recibir. Esta vez para o incorporar ao noso Claustro honorífico.
Daquela, en 2015, o profesor De Sousa fora convidado por iniciativa do reitor Xosé Luís Armesto, interesado en contar coa súa perspectiva sobre o presente e o futuro da universidade moderna, nun ciclo de conferencias de primeiro nivel.
Coido que a conxunción neste acto da entrega da Medalla de Ouro da UDC ao profesor Armesto e do doutoramento Honoris Causa en Socioloxía ao profesor De Sousa, ademais de ser –estou seguro– do agrado mutuo, marca un fito relevante no devir da Universidade da Coruña.
▬
O profesor Armesto asumiu a máxima responsabilidade da UDC en xaneiro de 2012, nun momento moi, moi difícil, para as universidades españolas. A crise batía con forza e as políticas adoptadas para enfrontala ocasionaban duros recortes de recursos materiais e humanos nos campus.
Tiven a honra de pertencer ao seu equipo e de comprobar como mantivo o temón en metade do temporal, con firmeza e coherencia, durante todos e cada un dos días do seu mandato.
Podo dar fe de que cumpriu a promesa que fixera ao pronunciar o seu primeiro discurso neste mesmo Paraninfo: poñer toda a súa enerxía na defensa dos intereses da Universidade e –repito as súas palabras– “dos máis amplos do país galego e do sistema público e de benestar”.
O escenario foi certamente adverso. Mais ningunha ventada foi quen de apartalo do seu norte. Da súa fe na universidade pública e da eficacia desta como motor da mobilidade social ascendente, unha cuestión nuclear no seu pensamento.
Un exemplo foi a pronta creación de bolsas para os estudantes con problemas económicos sobrevidos nas familias por mor da crise. Unha mostra clara de sensibilidade social e de posicionamento pola igualdade de oportunidades.
Desde a tolerancia e o respecto, o reitor Armesto estableceu un eficaz modelo de traballo en equipo, que foi importantísimo para, malia os drásticos recortes orzamentarios, darlles un forte impulso á investigación e a transferencia, con modelos tan interesantes como as unidades mixtas de investigación.
O plan estratéxico elaborado durante a súa xestión marcou o rumbo en que estamos na actualidade, coa calidade docente e científica, a internacionalización e á cooperación pública e privada como liñas mestras.
Profesor Armesto, benquerido Xosé Luís:
Grazas polo teu labor universitario, expandido nas non sempre gratas tarefas de xestión ao longo de trinta anos. Grazas en nome da Universidade da Coruña que, con esta medalla que hoxe che impón, escribe o teu nome con letras de ouro na súa curta historia.
▬
No seu derradeiro discurso como reitor, Xosé Luís Armesto recolleu esta cita de Boaventura de Sousa Santos:
“Unha cousa é que a Universidade produza coñecemento e profesionais para o mercado e outra, ben distinta, que ela mesma se converta nun mercado: o mercado da educación terciaria”.
A preocupación polo papel presente e futuro das universidades públicas forma parte esencial do pensamento do profesor De Sousa. Do seu pensamento crítico que, como sucede sempre cos grandes intelectuais, obriga a debullar as súas reflexións, máis alá da visión de cadaquén ou do maior ou menor grao de concordancia con elas.
Lembramos o interese da conferencia que impartiu en abril de 2015 na Facultade de Socioloxía, cando sinalaba as responsabilidades do pensamento neoliberal na crise das universidades públicas, ao tempo que reclamaba unha nova base social como punto de apoio para unha reforma democrática e emancipadora dos campus.
A profesora Raquel Martínez Buján acaba de debuxar na laudatio un completo retrato da personalidade intelectual e académica de Boaventura de Sousa.
Un perfil rigoroso co que se avala a iniciativa que levou, primeiro ao Departamento de Socioloxía e Ciencias da Comunicación e logo á propia Facultade, a propoñer a incorporación do ilustre profesor ao noso Claustro de Honra.
Porque, o doutor De Sousa exerce desde Coímbra un maxisterio constante na crítica á globalización de matriz neoliberal, en paralelo cun apoio sólido e coherente aos movementos sociais emancipadores e altermundistas.
Cun vasto coñecemento da realidade política e social do mundo contemporáneo e un inquebrantable compromiso co Sur global, De Sousa bate na conciencia moral e no unilateralismo analítico do mundo desenvolto. Como el adoita explicar, “a comprensión do mundo é moito máis ampla que a comprensión occidental do mundo”.
De Sousa acaba de enmarcar a súa incorporación á Universidade da Coruña cun brillante discurso en que volveu sobre un dos eixes centrais do seu pensamento crítico: a compatibilidade ou incompatibilidade do capitalismo neoliberal coa democracia.
A mesma reflexión que o filósofo Tzvetan Todorov formulou cunha pregunta retórica ben expresiva: “Estamos de verdade a favor de toda liberdade, incluída a do raposo no galiñeiro?”
Ese ultra-capitalismo desaforado que esmaga dereitos, afonda desigualdades e deturpa, en nome da liberdade, a natureza da democracia. “A democracia a piques do caos” ou “A difícil democracia”, como titula, de xeito moi significativo, dúas das últimas obras do noso homenaxeado.
A ollada de De Sousa sobre o contexto político global é desacougante, certamente.
A globalización económica dirixida ou teledirixida sen contrapesos polo capital financeiro abraia democracias e baleira os seus resortes políticos e sociais de control, redistribución e equidade, incluídos os que asumiron (ou deberían asumir) institucións supranacionais.
É esa sensación de que, como escribira o recentemente falecido sociólogo Vicente Verdú, o sistema democrático está furado polo protagonismo arrasador que o neoliberalismo lles concede aos mercados, por enriba dos máis elementais dereitos humanos e dos piares da democracia.
Alegrámonos de ter canda nós non só a un gran teórico da Socioloxía, a un axitador das ciencias sociais, senón tamén a un intelectual comprometido cos desafíos do seu tempo. Mesmo algúns críticos estiman que desde Paul Sartre non se coñeceu un pensador europeo que demostrase un compromiso político e social co Sur global como De Sousa Santos.
Un pensador de perspectiva alta e acción a rentes do chan, consciente de que dar a liberdade sen dar a oportunidade é un regalo envelenado para as persoas e para os pobos, que diría Noam Chomsky.
É ese compromiso o que se traduce na participación activa en movementos sociais da envergadura do Foro Social Mundial (do que foi un dos fundadores) e noutras moitas iniciativas emancipadoras e anticoloniais.
Reflíctese tamén nunha infatigable produción científica (exposta polo miúdo pola profesora Martínez Buján) e nunha presenza continuada en universidades e foros internacionais de primeiro nivel e nos medios de comunicación.
▬
Profesor Boaventura de Sousa Santos:
A Universidade da Coruña agradécelle fondamente que aceptase formar parte do noso Claustro de Honra.
O noso recoñecemento académico e científico engádese aos moitos que xa figuran na súa biografía. Mais déixeme confesarlle que nos comprace en particular (como universitarios e como galegos) ser a primeira universidade española que o nomea doutor Honoris Causa.
O seu espírito crítico, a súa capacidade analítica, o seu compromiso político e social e a súa preocupación pola saúde democrática das universidades incorpóranse canda vostede como referentes da nosa institución.
Máis nada pola miña parte. Parabéns de novo para os profesores Armesto e De Sousa Santos, aos que hoxe distingue a Universidade da Coruña pola súa traxectoria e polo seu compromiso exemplares.
E grazas tamén a todas e todos vostedes por compartiren con nós, no Paraninfo, este acto emotivo e simbólico.
A Coruña, 19 de setembro de 2018