Os actos académicos universitarios son eventos institucionais promovidos e organizados por calquera órgano da Universidade, coa finalidade de conmemorar, celebrar ou formalizar feitos significativos da vida académica. Estes actos poderán ter lugar tanto en espazos propios como fóra das instalacións da Universidade, aínda que se recomenda que se celebren, sempre que sexa posible, en espazos propios da institución.
A organización destes eventos deberá respectar os usos universitarios e seguir a Instrución 4/2025, do 18 de setembro de 2025, da Secretaria Xeral, sobre coordinación das oficinas do reitor e da Secretaría Xeral en asuntos de protocolo e relacións institucionais. No caso de ser necesario, poderá contar co apoio da Secretaría Xeral.
O galego será a lingua de uso habitual nos actos académicos universitarios.
Naqueles actos en que participe persoal alleo á Universidade, este poderá empregar a lingua que desexe. A Universidade, a través do Servizo de Normalización Lingüística, ofrecerá apoio para facilitar que poidan intervir en galego se así o queren.
Recoméndase empregar linguaxe inclusiva en todas as intervencións e materiais asociados aos actos.
A responsabilidade da organización variará segundo o tipo de acto:
O grao de formalidade dun acto dependerá da súa natureza e das persoas participantes. Establécense dúas categorías principais:
Actos solemnes e actos administrativos institucionais
Deberán celebrarse conforme ao disposto nestas indicacións. Calquera excepción terá que ser autorizada previamente pola Secretaría Xeral.
Outros actos universitarios
Poderán adaptar estas normas segundo os usos e costumes propios da Universidade, mantendo sempre o respecto institucional. O protocolo deberá seguirse con maior rigor cando participe a reitora ou o reitor, ou se trate de actos que impliquen representación oficial da Universidade.
A responsabilidade de xestionar a reserva dos espazos e de coordinar ou contratar os medios técnicos necesarios recaerá nos órganos ou unidades que promovan e organicen o acto.
O lugar de celebración dos actos universitarios escollerase tendo en conta o aforo previsto e as medidas de seguridade necesarias.
Aquelas persoas que organicen ou promovan actos da Universidade deberán empregar a imaxe institucional da UDC, respectando o seu deseño e uso segundo a identidade corporativa oficial co fin de manter unha imaxe coherente e representativa da institución.
Para utilizar a identidade corporativa da Universidade en eventos con entidades externas ou actos compartidos, será necesario solicitar autorización á vicerreitoría competente en materia de comunicación.