Licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e Doutora en Filoloxía Hispánica (sección Galego-Portugués) pola Universidade da Coruña con premio extraordinario.
Profesora titular de Filoloxías Galega e Portuguesa no Departamento de Letras, imparte docencia nos graos da Facultade de Filoloxía e no mestrado en Literatura, Cultura e Diversidade. Conta con dúas avaliacións do programa Docentia co resultado de Excelente. É coordinadora do GID consolidado en Literatura Galega.
A súa investigación está centrada na literatura galega contemporánea, especialmente na difusión e na recreación da lírica medieval, na recuperación e na edición de textos inéditos ou descoñecidos e no Rexurdimento. Publicou varias monografías e edicións filolóxicas e numerosos artigos en revistas de referencia nos Estudos Galegos. Responsábel de varios proxectos de investigación, coordina o grupo de investigación ILLA (Investigación Lingüística e Literaria Galega), recoñecido como grupo de potencial crecemento pola Xunta de Galicia. Dirixiu dúas teses de doutoramento. Realizou estadías de investigación na Universidade de Lisboa, no Graduate Center de CUNY e no INET de Bos Aires.
Foi secretaria académica do Departamento de Filoloxías Francesa e Galego-Portuguesa, coordinadora dos mestrados en Lingua e usos profesionais e en Literatura, cultura e diversidade e do grao en Galego e Portugués. Decana da Facultade de Filoloxía entre 2005 e 2013, desde 2017 é Directora do Departamento de Letras.
Ten recoñecidos seis quinquenios docentes, catro sexenios de investigación e conta con máis de vinte anos de experiencia de xestión en cargos unipersoais.