IV convocatoria para a consolidación e para a creación de grupos departamentais de calidade (GDC)

A Vicerreitoría de Calidade e Harmonización Europea convoca o profesorado da UDC á continuación, á modificación ou á nova creación de grupos departamentais de calidade (GDC).

Estes grupos intra ou interdepartamentais teñen como finalidade o avance na conversión de materias ao sistema ECTS, realizando as guías docentes en que recollerán os principios pedagóxicos en que se basean para o desenvolvemento das competencias que definan nas súas materias. Estes grupos representan a opción da Vicerreitoría de Calidade e Harmonización Europea respecto da formación permanente do profesorado. É no seu contexto onde a reflexión sobre a práctica e a mellora, a través da investigación sobre a acción, deben ter lugar. É tamén a súa existencia a que dá sentido ao plano de apoio que se elaborou para acompañar esta acción. Os grupos piloto que neste sentido se están a desenvolver na nosa universidade deben servir de referencia aos novos grupos emerxentes que se sumen a esta iniciativa. Na presente convocatoria consideraranse renovados automaticamente todos aqueles grupos que non soliciten a baixa ou modificación da composición do grupo. Non se entende como modificación do grupo aquel cambio que só afecte as materias. Os grupos existentes que desexen continuidade, por tanto, non deberán facer ningunha petición.

Solicitantes

Poderao solicitar o profesorado dun único ou de varios departamentos que se agrupen coa finalidade de iniciar a transformación de, cando menos, unha materia por profesor/a dun plano de estudos oficial e vixente. O grupo poderá estar formado por un mínimo de dous e un máximo de cinco docentes.

Repercusión na organización académica

Os membros destes grupos recibirán, xunto coa comunicación da concesión, a autorización da Vicerreitoría de Organización Académica para solicitaren do decanato ou da dirección correspondente a substitución dun 30% do ensino presencial por un volume equivalente de traballo dirixido do estudantado. A petición da substitución é voluntaria e concretarase no horario docente como mellor sirva os fins da presente convocatoria (no horario semanal, no inicio do curso, a final de curso etc.). Estes traballos dirixidos terán que estar recollidos na solicitude de creación do grupo e nos programas das materias correspondentes. Nos horarios lectivos dos centros farase explícita a mención “Materia en Grupo Departamental de Calidade“.

Prazo de solicitude e lugar de presentación

As persoas interesadas presentarán, no Rexistro Xeral da Universidade a súa solicitude, segundo o modelo que se fixa nesta convocatoria, desde o día 28 de xuño ata as 14:00 horas do 16 de xullo de 2007 e disporán dun prazo de 10 días hábiles para corrixiren os erros. Xunto coa solicitude presentarán unha breve memoria en que se especificarán as materias sobre as que se traballará, os obxectivos que se perseguen e o plano de traballo do grupo.

Comisión para a Resolución da convocatoria

A Vicerreitoría resolverá esta convocatoria, segundo a proposta que realice a comisión designada para o efecto.

A comisión estará formada polas seguintes persoas:

  • o vicerreitor de Calidade e Harmonización Europea
  • a vicerreitora de Organización Académica
  • a vicerreitora de Investigación
  • o director da Unidade Técnica de Calidade
  • o director do CUFIE

A resolución da convocatoria será comunicada aos solicitantes e publicarase na web da universidade.

Prazo de Resolución

Será de 15 días hábiles desde que remate o prazo de presentación de solicitudes que establece a convocatoria. Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, cabe interpoñer, perante o Excmo. e Magfo. Sr. Reitor, un recurso de alzada (por aplicación do que dispón o artigo 114.1 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común) no prazo dun mes, que conta a partir do día seguinte á recepción da resolución, sen prexuízo doutro recurso que se estimar procedente.

Avaliación

Os equipos entregarán a memoria do traballo que realizasen e a súa proposta de programas ECTS, ou a situación do traballo que realicen sobre as materias correspondentes, antes do 30 de xuño de 2008. A entrega desta memoria é condición indispensable para poder optar á renovación. Esta poderase realizar, como se terá que especificar no seu momento, para a conversión de novas materias ao sistema ECTS ou ben para realizar proxectos de continuidade sobre as materias da presente convocatoria.

 

A Coruña, 28 de xuño de 2007

O vicerreitor de Calidade e Harmonización Europea

Manuel Peralbo Uzquiano

Impreso de inscrición