A UDC avanza cara a un modelo de universidade máis aberta, innovadora e comprometida coa sociedade

Nota de prensa

15/05/26 15:28

  • Institucional
  • O Claustro aprobou hoxe o informe de xestión 202,5 no que destaca a aprobación dos novos Estatutos, o impulso á investigación e á transferencia e a mellora das políticas de apoio ao estudantado, entre outros temas.

A Coruña, 15 de maio de 2026

O reitor da UDC levou hoxe ao Claustro o seu informe anual de xestión correspondente ao ano 2025, “un exercicio marcado por cambios na gobernanza institucional, polo fortalecemento da actividade investigadora e a súa proxección social”, subliñou Cao.  

Un dos fitos principais de 2025 foi a aprobación dos novos Estatutos da UDC, adaptados á LOSU, que supoñen unha actualización profunda da estrutura organizativa e do modelo de gobernanza. Este novo marco reforza a participación democrática, incorpora novos colectivos á representación institucional e impulsa unha universidade máis transparente e responsable.

No ámbito docente, destacou o reitor, a UDC acadou case o 100 % de ocupación nos graos, cunha taxa media do 95,3 % e máis de 3.300 estudantes matriculados. Nos estudos de mestrado rexistráronse máis de 7.600 solicitudes, cunha ocupación do 81 %, o que evidencia unha alta demanda formativa.

Entre os avances destacados no eido académico, sitúase o acordo para a descentralización do Grao en Medicina, que permitirá impartir o segundo ciclo completo nas tres universidades públicas galegas no curso 2028-2029.

Investigación en crecemento e forte captación de fondos

A investigación mantivo unha evolución positiva, con especial mención no que respecta á captación de financiamento competitivo e na atracción de talento. Un eido no que acadou cifras destacadas en programas estatais, como Beatriz Galindo, cun 100 % de éxito (5 prazas obtidas), e un volume importante de financiamento internacional.

O ecosistema investigador da UDC abrangue máis de 900 persoas vinculadas a centros e conta con dous deles na Rede CIGUS (CITIC e CICA), consolidando unha estrutura científica competitiva á que se suman un centro colaborador CIGUS (o CITEEC), uns activos que se completan co Campus Industrial de Ferrol e o CITENI.  

Apoio ao estudantado e elevada inserción laboral

A UDC seguiu a desenvolver políticas de apoio ao estudantado, coa concesión de máis de 170 axudas específicas para estudos de grao e máster; 58 axudas económicas, 95 bolsas de comedor e 72 bolsas de colaboración, que complementaron ás 4.475 bolsas estatais concedidades polo Ministerio de Educación.

Tamén se avanzou en mobilidade e vivenda, e se impulsáron programas de orientación nos que se chegou a máis de 7.000 estudantes potenciais.

No ámbito da empregabilidade, os datos confirman a fortaleza do sistema: 9 de cada 10 persoas egresadas na UDC atopan emprego no primeiro ano tras rematar os seus estudos.

Renovación e reforzo do persoal

En materia de persoal docente e investigador,  aprobouse a convocatoria de máis de 70 prazas en distintas figuras docentes e no eido do PTXAS, foi aprobada a a nova RPT.  

Destaca tamén a consolidación do persoal contratado para tarefas de investigación, un colectivo que supera as 500 persoas e que conta agora cun marco laboral homologable ao resto da comunidade universitaria.

Cátedras e Cidade das TIC

No ámbito da transferencia de coñecemento, a universidade xestionou arredor de 245 contratos e convenios con empresas e institucións, mantivo activas 32 cátedras universidade‑empresa e a través do programa “UDC Conecta” realizáronse máis de 80 contactos.

O ano 2025 foi clave para a Cidade das TIC, coa sinatura dun convenio co Concello da Coruña que mobiliza máis de 11 millóns de euros para a rehabilitación de tres edificios cedidos á UDC.

Divulgación, igualdade e compromiso social

A actividade de divulgación científica mobilizou a máis de 250 persoas investigadoras, cunha participación maioritaria de mulleres e reforzou a visibilidade da UDC en iniciativas estatais.

No ámbito da equidade impulsáronse programas formativos, campañas de sensibilización e accións de benestar, incluíndo novas unidades, como a de Vida Saudable e o reforzo do apoio psicolóxico á comunidade universitaria.

 

Financiación e infraestruturas

O informe reflicte  tamén o esforzo realizado en rehabilitación e eficiencia enerxética, destacando a xestión de máis de 3,9 millóns de euros do Plan de Infraestruturas da Xunta de Galicia e actuacións clave do Plan PIRMEH. Unhas iniciativas que permitiron mellorar a accesibilidade e a sustentabilidade e humanizar espazos de convivencia universitaria.

Por último, fíxose referencia ao capítulo económico, no que se explicaron os pasos realizados para reverter o proceso de implantación do programa MUS de contabilidade e regresar ao Universitas XXI, e no que se volveu a poñer de manifesto a necesidade inaprazable de mellorar o financiamento estructural da universidade para acadar o equilibrio económico da institución.

Memoria da Valedora UDC

Pola súa banda, a Valedora da UDC informou dos casos rexistrados no pasado exercicio neste servizo, un total de 184. Do global, un total de 55 foron consultas, presentadas polos tres colectivos da UDC. A maioría corresponde ao estudantado, ao que segue o PDI e as persoas alleas a esta universidade.

En canto ás queixas, das 129 presentadas, a maioría, un 57 %, corresponden ao estudantado, seguidas novamente polo PDI cun 28 %, o PTXAS cun 7 % e as persoas alleas cun 6 %.

Tamén debemos contabilizar as queixas de oficio presentadas pola Valedora Universitaria, que supoñen un 2 %.

Se nos fixamos por área temática, a maioría das queixas teñen que ver con infraestruturas e funcionamento dos servizos, seguidas das de acceso, taxas e xestión académica. No relativo ás consultas, a maioría delas están na área de procedementos e recursos, seguidas das de exames e criterios de avaliación.

claustro

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC