A UDC reúne persoal investigador de 46 países nun evento internacional de atracción de talento

Nota de prensa

1/06/26 11:08

  • Institucional

 

  • A Universidade da Coruña vén de celebrar a xornada online “Choose Coruña: Research Opportunities for Global Talent”, organizada pola Oficina de Captación de Persoal Investigador no marco do proxecto STARS4UDC
  • O encontro contou con 161 persoas inscritas procedentes de arredor de 130 institucións de todo o mundo

A Coruña, 1 de xuño de 2026

A Universidade da Coruña vén de celebrar o evento online “Choose Coruña: Research Opportunities for Global Talent”, unha xornada dirixida a persoal investigador internacional interesado en coñecer as oportunidades que ofrece a institución para desenvolver a carreira científica a través de programas competitivos de atracción de talento.

A actividade, organizada pola Oficina de Captación de Persoal Investigador (OCPI) no marco do proxecto STARS4UDC, reuniu un total de 161 persoas inscritas procedentes de 46 países e de arredor de 130 institucións diferentes, o que evidencia o interese xerado pola UDC como posible institución de acollida para persoal investigador internacional.

O encontro tivo como obxectivo presentar a Universidade da Coruña como unha institución aberta, internacional e comprometida coa captación, acompañamento e integración de talento investigador. Ao longo da sesión abordouse o ecosistema investigador da Universidade, as principais oportunidades de financiamento europeo, estatal e autonómico, así como os servizos de apoio á preparación de candidaturas, acollida, mobilidade e integración de persoal investigador procedente doutros países.

A xornada contou coa apertura institucional do reitor da UDC, Ricardo Cao, e incluíu diversas intervencións centradas na estratexia de talento da Universidade, as vías de financiamento dispoñibles para persoal investigador en distintas etapas da súa carreira e os recursos de apoio que ofrece a institución para facilitar a súa incorporación.

Un dos momentos centrais do encontro foi a mesa redonda con persoas investigadoras vinculadas á UDC a través de programas competitivos como ERC, MSCA, ATRAE, Beatriz Galindo ou Ramón y Cajal; quen compartiron a súa experiencia de chegada á Universidade, o apoio recibido e diferentes recomendacións para investigadores e investigadoras internacionais que estean valorando desenvolver a súa carreira científica na UDC.

O evento contou con persoas inscritas procedentes de Europa, América Latina, Asia, Norteamérica e África. Entre os países con maior número de inscricións figuran España, Arxentina, Brasil, China, Francia, Estados Unidos e Italia.

Esta actividade está enmarcada na estratexia de atracción de talento investigador e de proxección internacional da UDC e pon en valor non só as oportunidades de financiamento e investigación existentes, senón tamén o acompañamento institucional e os servizos de apoio dispoñibles para quen queira incorporarse á institución.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC