A Coruña, 2 de xuño de 2026
A investigadora Noelia Sánchez Maroño, do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, que forma parte da Rede CIGUS da Xunta de Galicia, participa no proxecto europeo THUNDER, unha iniciativa financiada no marco das accións Marie Skłodowska-Curie Staff Exchange que ten como obxectivo avanzar no desenvolvemento de intelixencia artificial segura, fiable e equitativa aplicada ao ámbito sanitario, con especial atención á mellora da detección temperá da sepse.
A sepse é unha resposta extrema do organismo ante unha infección que pode derivar en fallo multiorgánico e falecemento. Debido á súa elevada mortalidade e á importancia crítica do diagnóstico precoz, constitúe unha das prioridades sanitarias a nivel mundial.
Neste contexto, THUNDER aborda algúns dos principais retos do uso da intelixencia artificial na saúde, como a escaseza de datos clínicos de calidade, as restricións relacionadas coa privacidade dos pacientes, a presenza de nesgos nos modelos e a limitada interpretabilidade destes. Para iso, propón un enfoque colaborativo, internacional e intersectorial que integra coñecemento científico, tecnolóxico e sanitario.
Un dos obxectivos centrais do proxecto é desenvolver metodoloxías para a xeración e avaliación de datos sintéticos fiables, así como modelos de intelixencia artificial capaces de integrar de maneira responsable datos reais e simulados, co fin de mellorar o apoio á toma de decisións clínicas en escenarios complexos como a xestión de pacientes con sepse.
O proxecto, que se desenvolverá entre 2026 e 2029, conta coa participación de 16 entidades, principalmente europeas, incluíndo universidades, centros de investigación, hospitais e empresas. Está coordinado pola Universidade de Lille (Francia) e atópase en proceso de ampliación mediante a incorporación de novos socios internacionais, con países como Canadá e Vietnam, para reforzar o seu impacto global no ámbito da intelixencia artificial aplicada á saúde.
Sobre o CITIC
O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas principais de investigación: Intelixencia artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, ademais dunha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.
O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027, o que avala a calidade e o impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC