A Coruña, 20 de maio de 2026
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da Universidade da Coruña (CICA), a través dos Servizos de Apoio á Investigación (SAI), contará cun novo equipamento científico de última xeración tras a concesión dunha axuda do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades no marco da convocatoria 2025 de adquisición de equipamento científico-técnico do Programa Estatal para a investigación e o desenvolvemento experimental. O equipo instalarase no Edificio dos Servizos Centrais de Investigación (ESCI) da UDC, situado no Campus de Elviña e estará ao servizo de múltiples grupos de investigación do CICA.
A infraestrutura concedida consiste nun espectrómetro de masas de alta resolución e masa exacta con ionización APCI, ESI y MALDI en modos positivo e negativo.
Este novo equipamento permitirá identificar e cuantificar moléculas de pequeno e de gran tamaño en concentracións moi baixas, así como analizar mostras complexas con elevada fiabilidade. A súa incorporación suporá un salto cualitativo para a investigación desenvolvida no CICA en áreas como a biomedicina, a farmacoloxía, a análise ambiental ou os estudos de tecidos biolóxicos.
Unha das características máis innovadoras do sistema é a tecnoloxía MALDI-Imaging, que posibilita visualizar a localización exacta das moléculas dentro dos tecidos analizados. Esta capacidade achega unha dimensión espacial ao estudo molecular, permitindo coñecer a distribución de biomoléculas en mostras biolóxicas.
En termos sinxelos, o novo espectrómetro de masas permite “pesar moléculas” cunha precisión de ata a masa dun electrón. A partir desa información, o persoal investigador pode identificar substancias, coñecer a súa composición e estudar como interactúan en sistemas biolóxicos ou ambientais. Grazas á súa versatilidade, o equipamento poderá empregarse en proxectos moi diversos, desde o estudo da saúde humana ata a análise de ecosistemas mariños, alimentos ou contaminantes ambientais.
A adquisición desta infraestrutura reforza ademais o enfoque One Health que vertebra a actividade investigadora do CICA, baseado na conexión entre saúde humana, animal e ambiental. O novo sistema facilitará investigacións interdisciplinares nas que comprender os mecanismos moleculares resulta clave para abordar retos globais relacionados coa saúde, a sustentabilidade e o medio ambiente.
Sobre o CICA
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas e que, actualmente, conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.
Desde 2024, o CICA conta co apoio financeiro da Unión Europea a través do Pograma Galicia FEDER 2021–2027 e forma parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación no sistema universitario galego.
A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC