Alba Suárez Tapia. Alumna do Grao en Enxeñaría Informática. Participará nun proxecto de cooperación na Escola Secundaria Inácio de Loyola, situada na provincia de Tete, en Mozambique. As actividades principais incluirán a instalación dunha aula de informática utilizando os equipos previamente enviados ao centro, así como a configuración e posta en funcionamento do material dispoñible. Ademais, impartiranse sesións de formación básica en intelixencia artificial dirixidas ao profesorado, co obxectivo de achegar ferramentas dixitais e novas tecnoloxías aplicadas ao ámbito educativo.
Iria Otero Gómez. Alumna do Mestrado en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria. Participará durante un mes e unha semana en Guatemala, da man de Solidariedade Internacional de Galicia, nos diferentes proxectos cos que a entidade colabora no país. O principal proxecto no que participará está vinculado co TFM da candidata, un intercambio de saberes que está tendo lugar entre Aliad Ultreia (Lugo) e Mujeres Mayas Kaqla (Guatemala). KAQLA defínese como unha rede de mulleres que, acorde a un enfoque de dereitos e tendo como eixo a súa cosmovisión, acompaña e facilita procesos de formación/sanación/acción de mulleres, homes, autoridades ancestrais, organizacións e comunidades maias.
.
Elena Casal González. Alumna do Máster Universitario en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria, e viaxará a Honduras a través dun proxecto que está a desenvolver Solidariedade Internacional de Galicia. Alí colaborará coa contraparte local, Sur en Acción, que centra a súa intervención no desenvolvemento dunha ferramenta dixital no sistema sanitario de diferentes comunidades situadas en San Marcos de Colón, no departamento de Choluteca. Esta ferramenta dixital pretende facilitar a dixitalización dos expedientes sanitarios para unha mellor xestión da información. Ademáis, tamén se enfoca en accións orientadas á saúde integral das mulleres, tratando de fortalecer o sistema sanitario dende unha pespectiva de dereitos humanos.