Sr. Presidente do Consello Social da UDC
Sr. Director de Institucións do Banco Santander,
Autoridades, representacións,
Membros da comunidade universitaria
Familiares, amigas e amigos todos:
Celebramos hoxe o Día da Universidade, a tradicional festividade de San Tomé, patrón dos estudantes.
Na Universidade da Coruña aproveitamos este breve alto no ecuador do curso para facer público recoñecemento do talento e do esforzo dos nosos mellores alumnos e alumnas.
A perseveranza na procura da excelencia é unha das cualidades que definen as universidades desde o seu nacemento mesmo: excelencia na docencia e na investigación e excelencia tamén no traballo dos e das estudantes no tempo de preparación no campus.
O Paraninfo reborda hoxe excelencia e talento.
Están os estudantes galardoados cos premios á excelencia académica no bacharelato e nos ciclos formativos de grao superior. Zume novo que acaba de chegar ás nosas facultades e escolas co magnífico aval do seu rendemento previo a comezar a carreira nos campus da Coruña ou de Ferrol.
Igualmente outorgamos os premios extraordinarios das titulacións de grao ao alumnado que completou a formación nas súas correspondentes carreiras facendo unha exemplar demostración de talento, traballo e sentido da responsabilidade.
No nivel de doutoramento, entregamos os distintivos aos novos doutores e doutoras pola Universidade da Coruña e os diplomas acreditativos aos que, na súa formación investigadora, se fixeron así mesmo acredores dos premios extraordinarios.
Para todas e para todos a miña máis cordial felicitación, a do equipo de goberno que presido e a de toda a nosa comunidade universitaria. Parabéns, igualmente, para os familiares que vos acompañan e cuxa satisfacción nos resulta moi doado compartir.
Este ano, por primeira vez, incluímos na homenaxe do Día da Universidade a todos aqueles estudantes que destacaron polo seu aproveitamento ao cursaren algún dos másteres oficiais.
Na actualidade o noso catálogo consolidado de másteres ou mestrados está formado por medio cento de títulos, a maioría de carácter interuniversitario, cunha matrícula próxima aos dous mil alumnos e alumnas.
Quixemos aproveitar esta primeira vez para agasallar tamén os mellores expedientes de mestrado dos dous cursos anteriores.
O elevado número de premiados fixo imposible reunir a todos no Paraninfo. Esta é a razón pola que se desdobrou o acto e a entrega de diplomas dos premios extraordinarios de másteres desenvolveuse aquí mesmo hai un par de horas.
A eles expreseilles, xunto coa nosa felicitación, o agradecemento da Universidade da Coruña. Un agradecemento que tamén quero transmitirlle agora a todos os presentes neste acto solemne.
Agradecemento, desde logo, por confiar na Universidade da Coruña para cursar os estudos superiores. Pero, sobre todo, polo compromiso demostrado e o exemplo que supón a vosa traxectoria tanto para o resto do estudantado como para o profesorado e o persoal que traballa nos campus.
O talento é a materia prima das universidades. Con el traballamos o mesmo no ámbito da docencia que no da investigación. O mesmo para formar profesionais de primeiro nivel que para facer investigación básica e aplicada.
Desde un punto de vista individual, acceder á educación superior é un dereito a cuxa cobertura atendemos as universidades públicas, sostidas fundamentalmente cos recursos que nos achega a sociedade.
É un camiño de realización persoal e de promoción social para alcanzar obxectivos sociais, económicos e culturais. En Galicia contamos cun sistema universitario formado por tres universidades públicas de calidade, con capacidade para satisfacer esa demanda e formar, ao máximo nivel, a profesionais de calquera ámbito do coñecemento.
∎
O obxectivo primeiro, nuclear, das universidades do século XXI segue sendo a formación do alumnado a través da transmisión do saber.
Mais o mundo de hoxe, de natureza extremadamente cambiante, esixe que a formación, ademais de sólida e completa, vaia acompañada de destrezas e habilidades transversais para a formación permanente, esixe “aprender a aprender”, formación práctica e competencias novas en contornos dixitalizados.
Ademais, a docencia de calidade forma coa investigación un binomio inseparable. Ambas dimensións son os piares das boas universidades e ambas misións –a académica e a científica– se retroalimentan e fortalecen mutuamente.
En tempos de transformacións aceleradas, as universidades pasan a ocupar un lugar central como motor do progreso e do desenvolvemento económico. Non só debemos adaptarnos aos cambios, senón que en boa medida temos que lideralos.
O coñecemento, a aplicación do talento cos bos profesionais universitarios e coa transferencia do coñecemento que se xera nos campus son fundamentais no novo modelo de economía.
Daquela, as universidades temos que investigar moito e ben. Temos que facer a investigación básica e a investigación aplicada imprescindibles para o progreso da sociedade á que nos debemos e para a que traballamos.
Temos que ensinar, temos que investigar e temos que lle transferir ao tecido socioprodutivo o coñecemento necesario para que a innovación estimule o progreso.
Así é que, desde un punto de vista social e como universidades públicas, asumimos roles prioritarios na xeración e na execución da I+D+i pública.
A responsabilidade é, pois, moi alta. A sociedade e os seus gobernantes deben telo presente nos seus proxectos e nos seus orzamentos.
As grandes reformas vividas polas universidades galegas e españolas nos últimos tempos obedecen precisamente a esa necesidade de enfrontar os novos retos e desafíos con solvencia e eficiencia docentes e científicas.
∎
Os cambios na estrutura de titulacións, a incorporación de novos graos, a configuración dun bo catálogo de posgraos, o reforzamento e potenciación da formación investigadora a través do doutoramento, a innovación metodolóxica na docencia, a internacionalización, o incremento da participación científica en proxectos e redes internacionais ou a decidida cooperación coas empresas e coas administracións publicas en docencia e investigación son algúns dos visibles efectos do proceso de modernización abordado pola Universidade da Coruña nos últimos anos.
Sen solución de continuidade cos últimos catro anos, eu e o meu equipo de goberno comezamos estes días unha nova etapa, logo de que a comunidade universitaria nos renovase a confianza no proceso electoral que se desenvolveu en decembro último.
Móvenos o compromiso coa nosa institución, o sentido da responsabilidade e unha ilusión renovada. Enerxía e confianza para seguir avanzando nos proxectos que temos en marcha e para desenvolver as ideas coas que formulamos o programa para a expansión da Universidade da Coruña nos anos vindeiros.
Sexan proxectos de gran calado, melloras na calidade de docencia, investigación e servizos ou reformas para mellorar a xestión, todas as iniciativas fortalecerán a Universidade da Coruña e redundarán en beneficio do noso alumnado, primeiro, e da sociedade no seu conxunto, en último termo.
Entre outras moitas cousas, imos incrementar as titulacións plurilingües e internacionais e a aumentar a oferta de mobilidade para estudantes saíntes, mentres traballamos na internacionalización do currículo e a mobilidade virtual para garantir a inclusión internacional de todo o estudantado.
Este vindeiro curso 2020-2021 implantaremos un título: o Grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía, en tanto ultimamos a incorporación do Grao en Turismo como título propio e, daquela, con prezos de matrícula públicos.
Para o seguinte curso esperamos poder sumar xa un novo título compartido (neste caso coa Universidade de Vigo), o Grao en Relacións Internacionais, que se impartirá na Facultade de Humanidades de Ferrol.
Acabamos de completar o proceso de reconfiguración dos campus como Campus Sustentabilidade e Campus Innova, na Coruña, e Campus Industrial, en Ferrol. Queremos que os títulos de grao e mestrado e os programas de doutoramento encaixen neste proceso de especialización xunto cos grupos de investigación e os centros tecnolóxicos.
Precisamente sobre o Campus Innova se nucleará o proxecto da Cidade das TIC, un ambicioso plan para unir investigadores da UDC e das empresas do sector das tecnoloxías da información e da comunicación e crear un polo de excelencia punteiro con proxección internacional.
En Ferrol proxectamos construír un Centro de Investigación en Industria Intelixente, outra iniciativa de enorme interese e transcendencia para o Campus Industrial e para Galicia.
En ambos casos contamos, como digo, coa colaboración das administracións públicas e das principais empresas de cada ámbito.
A cooperación institucional e a conexión co contorno socioprodutivo rendibilizan sinerxías e permítennos alcanzar obxectivos comúns e moi positivos para o progreso do país.
Mellor docencia, mellor investigación e relación máis estreita con administracións e empresas significan titulados e tituladas mellor preparados.
E a boa preparación dos nosos egresados reflíctese, non o dubiden, nun elevado índice de inserción laboral, por enriba da media galega e da media española, segundo confirmou en 2019 o primeiro estudo de empregabilidade sobre titulados polo plan Boloña.
∎
Antes de rematar quero agradecer de novo a colaboración do Banco Santander para a dotación económica dos premios extraordinarios fin de grao.
Máis nada. Reitérolles a felicitación e o meu desexo de que os vosos seguintes pasos (académicos ou profesionais) estean definidos polo mesmo éxito que o demostrado ata agora co voso talento e co voso esforzo. Moitas grazas.
A Coruña, 27 de xaneiro de 2020