Convídase a presentar resumos que aborden, desde unha perspectiva crítica e interdisciplinar, o debate contemporáneo sobre os territorios litorais atlánticos, desde as perspectivas do patrimonio marítimo, as arquitecturas e paisaxes costeiros e o turismo azul. A convocatoria está aberta a investigadores e investigadoras de calquera etapa profesional, así como a profesionais e académicos procedentes de distintos ámbitos disciplinares relacionados co litoral atlántico, especialmente desde a arquitectura e o turismo, incluíndo —entre outros— arquitectura, urbanismo, paisaxismo, turismo, socioloxía, historia, xeografía, antropoloxía ou comunicación.
Os resumos deberán ter unha extensión de entre 800 e 1.000 palabras e axustarse a unha das tres liñas temáticas do congreso:
- Arquitectura das industrias e oficios tradicionais do mar
- Turismo azul e paisaxe litoral
- O Atlántico como territorio de investigación (reciprocidades)
Os resumos serán avaliados en función da súa adecuación ás liñas temáticas do congreso, valorándose a orixinalidade, o carácter innovador, o enfoque interdisciplinar e o rigor metodolóxico. A avaliación realizaraa o Comité Científico mediante un proceso de revisión anónimo por pares. Os resumos aceptados presentaranse presencialmente durante o congreso e publicaranse en acceso aberto no libro de actas. Algunhas contribucións serán convidadas a desenvolver un artigo completo para publicación no número 16 (ano 2026) da revista BAC Boletín Académico Revista de Investigación y Arquitectura Contemporánea.
Recoméndase ler detidamente as normas de presentación de resumos e descargar as plantillas para escribir o resumo. O envío farase a través da seguinte ligazón con data límite 15 de marzo de 2026.