09/06/2026
A paisaxe cultívase, recoléctase, cocíñase e compártese. Ao longo da nosa vida, as mulleres non só sostemos familia e coidados, senón que tamén cultivamos, recollemos, cociñamos e compartimos. Sostemos tanto que, como dicía a miña avoa, “estou coma un sete, neniña; levo moito andado”. Hoxe aínda podemos ler no territorio o noso mosaico agroforestal e a nosa diversidade.
- Grazas a elas, as que camiñaron.
Hortas familiares, árbores froiteiras, marxes cultivadas ou pequenas parcelas de autoconsumo debuxan un territorio que alimenta, pero tamén coida, organiza e conecta.
Estes espazos non responden a lóxicas de mercado nin a modelos de produción intensiva. Funcionan desde a proximidade, a estacionalidade e un coñecemento profundo dos ciclos naturais. Neles, producir alimento é tamén reproducir a vida: gardar sementes, compartir excedentes, manter vínculos. Habitar o tempo doutro xeito.
- Grazas a elas, as que sostiveron.
A nosa paisaxe foi sostida fundamentalmente por elas. Hoxe, xa maiores, “coma setes”, continúan cultivando non só alimentos, senón tamén saberes transmitidos xeración tras xeración. Un coñecemento situado, preciso e acumulado ao longo do tempo que, con todo, permanece en gran medida invisible: fóra das estatísticas, dos discursos disciplinares e das formas convencionais de valor.
Fronte a unha cultura territorial que privilexiou o urbano, o produtivo e o cuantificable, estas paisaxes revelan outra forma de habitar: unha rede de interdependencias onde o humano e o ecolóxico non se separan; un modelo de pequena e mediana escala baseado nas lóxicas da natureza.
- Grazas a elas, as que proxectaron.
Xestionaron o territorio dun xeito autónomo. Foron artífices da paisaxe que hoxe captan os nosos smartphones. As lindes vexetadas, os mosaicos agroforestais, o viño, os ciclos. O noso minifundio. Menos mal. Nun momento no que a globalización ameaza con uniformar as paisaxes, recuperar unha cultura baseada na identidade propia é imprescindible.
Quizais planificar o territorio —hoxe tan en cuestión— consista en recoñecer, recuperar, coidar e amplificar aquelas formas que, desde hai tempo, xa sosteñen a vida.
Sobre a autora: https://mariafandino.com/