A Coruña, 18 de marzo de 2026
A Universidade da Coruña vén de escoller ás persoas que formarán parte do novo Claustro, que se constituirá o próximo 8 de abril. Este órgano quedará conformado xa en liña cos novos Estatutos, no marco da LOSU, así como co regulamento electoral da UDC aprobado en decembro de 2025.
No que respecta ás eleccións de representantes ao Claustro, distínguese entre o sector de profesorado, que conta con 177 representantes; o do estudantado, con 78; o do Persoal Técnico de Xestión, Administración e Servizos (PTXAS), con 30 e o do Persoal Contratado para Tarefas de investigación , con 15 persoas representantes e que acceden por primeira vez ao Claustro.
A participación media foi do 50%, chegando no sector de profesorado ao 70%.
As proclamacións provisorias das candidaturas electas poden verse nesta ligazón.
Xuntas de centro e consello de departamento
No caso das eleccións de representantes nas xuntas de facultade ou escola, tiveron lugar procesos electorais na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, a ETS de Enxeñaría de Camiños Canais e Portos, a Escola Universitaria de Arquitectura Técnica, a Escola Universitaria de Deseño Industrial, a Facultade de Ciencias da Comunicación, a Facultade de Ciencias da Educación, a Facultade de Ciencias da Saúde, a de Ciencias do Traballo, a de Economía e Empresa, a de Enfermaría e Podoloxía, a de Fisioterapia, a de Humanidades e Documentación e a de Turismo.
Poden consultarse as proclamacións provisorias das candidaturas electas nesta ligazón.
En canto aos consellos de departamento, houbo procesos electorais para os consellos de CC da Navegación e Enxeñaría Mariña, de Ciencias da Saúde, de Construcións e Estruturas Arquitectónicas Civís e Aeronáuticas, de Economía, de Empresa, de Enxeñaría Civil, Enxeñaría Industrial e de Pedagoxía e Didáctica.
Os resultados provisionais pódense revisar aquí.
Fases do proceso electoral
Hoxe 18 de marzo está publicada a proclamación provisoria de candidaturas electas, previas á posible presentación de recursos potestativos de reposición entre o 20 e o 23 de marzo ás 14:00 horas. Xa o martes, día 24 faranse públicas as proclamacións definitivas, momento no que rematará o proceso electoral iniciado o pasado 10 de febreiro coa convocatoria de eleccións.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC