A Coruña, 2 de xuño 2026
A Universidade da Coruña (UDC), a través da súa Oficina de Transferencia de Coñecemento (OTC), desenvolveu unha segunda edición de visitas aos centros de investigación da universidade co obxectivo de achegar as capacidades científico-tecnolóxicas da universidade ao tecido produtivo galego e fomentar novas oportunidades de colaboración. As visitas tiveron lugar nos centros de investigación CICA (Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía), CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil), CITENI (Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais) e CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións), así como nos Servizos de Apoio á Investigación (SAI).
Esta iniciativa enmárcase no programa UDC Conecta, dirixida a reforzar a conexión entre a universidade, a empresa e a sociedade e a potenciar a transferencia de coñecemento e a xeración de sinerxías entre o ámbito investigador e o produtivo, promovendo fórmulas de colaboración como proxectos de I+D+i, prestación de servizos ou outras iniciativas conxuntas.
Este novo ciclo, desenvolvido entre marzo e maio, permitiu a participación de representantes de diversos clústeres galegos, empresas asociadas e outras entidades, que puideron coñecer de primeira man as infraestruturas, capacidades e principais liñas de investigación da UDC, así como identificar posibles oportunidades de colaboración.
Participaron máis de 40 asistentes externos á UDC, representantes de 24 organizacións entre clústeres, empresas e outras entidades interesadas nas capacidades da universidade. Destaca a implicación dos clústeres galegos Ageinco, Bioga, Clúster Saúde de Galicia, Clúster da Industria do Deporte e o Benestar de Galicia, Clúster de Enerxías Renovables de Galicia, Clúster Atlántico de Agricultura Sustentable e Forestal de Galicia, Clúster do Granito e Clúster da Función Loxística de Galicia.
Entre as empresas e entidades asistentes atopábanse tamén 91 Grados, Embermind Technologies, Russula, CT Engeneering Group, Gesuga, Sogarisa, Paz Rodríguez, Urbaser (Sertego), Gestcalor, Sigillum Knowledge Solutions, Navantia, AMShealth, Antea Group, Fundación OPTI (Cámara de Comercio da Coruña), a Armada e CETIM Technological Centre.
As visitas incluíron a presentación das principais capacidades e liñas de investigación dos centros e servizos participantes, percorridos polas súas instalacións e espazos de diálogo directo entre o persoal investigador e as entidades asistentes.
Este formato favoreceu o intercambio de coñecemento e a identificación de ámbitos de interese común para futuras colaboracións en sectores que abranguen dende a biotecnoloxía e a saúde ata a enxeñaría civil, as tecnoloxías industriais, as tecnoloxías da información e outros ámbitos estratéxicos.
O ciclo de visitas consolidouse como unha ferramenta eficaz para achegar o coñecemento xerado na UDC ao tecido produtivo, facilitando o contacto directo entre empresas, clústeres e persoal investigador.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC