Saberes do Monte, nacida do proxecto RURALTXA!, leva ao norte de Lugo unha fin de semana para saborear e conservar o territorio

Nota de prensa

2/06/25 13:43

  • Institucional
  • Saberes do Monte é unha marca colectiva do proxecto RURALtXA!, iniciativa de conservación da biodiversidade promovida pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación HAZI. 
  • O 7 e 8 de xuño varios restaurantes dos concellos de Abadín, Barreiros, O Valadouro, Foz e Mondoñedo ofrecerán pratos con produtos da Serra do Xistral e o domingo, unha ruta porá o foco nas posibilidades do ecoturismo vencellado aos hábitats e á gandaría de montaña.

A Coruña, 2 de xuño de 2025.- A primeira experiencia piloto de Saberes do Monte celebrarase esta fin de semana no norte da provincia de Lugo. Os días 7 e 8 de xuño, os concellos de Abadín, Barreiros, O Valadouro, Foz e Mondoñedo converteranse en escenario dunha iniciativa que une gastronomía, conservación da biodiversidade e turismo sostible, promovida ao abeiro do proxecto RURALtXA!, que coordina a Universidade da Coruña.

 Durante a fin de semana, diversos restaurantes da comarca servirán tapas e pratos especiais elaborados con carne de tenreira, poltro e mel producidos na Serra do Xistral. A proposta busca poñer en valor o papel da gandaría extensiva e dos métodos tradicionais na preservación dos hábitats de alto valor ecolóxico, como as turbeiras e os queirogais.

O sábado 7 de xuño, ás 12:00 horas, o restaurante Asturias, en Ferreira do Valadouro, acollerá a presentación oficial da marca Saberes do Monte. O acto incluirá un showcooking a cargo do chef Juan Rubiños, do restaurante Il Farabutto (Lugo), en colaboración coa Asociación Cociñeiros de Lugo, que elaborará pratos inspirados nos sabores da montaña.

A xornada do domingo 8 estará dedicada ao ecoturismo, cunha ruta guiada baixo o título “Roteiro do Saber”, que permitirá descubrir, da man de guías locais, como a actividade agropecuaria tradicional contribúe á conservación dos ecosistemas de montaña.

 

Sobre RURALtXA! e Saberes do Monte

RURALtXA! é unha iniciativa promovida pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela, e a fundación HAZI, co apoio de diversos actores locais e da administración, para conservar hábitats. Entre outros obxectivos, o proxecto busca explorar novos modelos de bioeconomía en áreas de alto valor ecolóxico, como a Serra do Xistral, Monte Maior, A Serra da Faladoira e a Serra da Groba.

RURALTXA! conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Saberes do Monte é unha marca colectiva que nace para poñer en valor os produtos procedentes de áreas de montaña galegas que axudan á conservación dos hábitats e ao desenvolvemento das comunidades rurais.

Máis información sobre a iniciativa nesta ligazón.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC