A información contida nestas respostas a preguntas frecuentes ten unha finalidade meramente informativa e carece de carácter preceptivo, nin criterio vinculante.
A principal novidade é a simplificación do proceso de solicitude e autorización. Ambas as dúas realízanse agora a través do portal do persoal. Por razóns de eficacia e axilidade, a Xerencia delegará a competencia para autorizar o teletraballo nos titulares dos órganos ou centros de que dependa funcionalmente o persoal.
No proceso de solicitude, xa non é necesario encher formularios nin achegar informes, senón que se substitúen por unha declaración responsable da persoa traballadora.
Outra novidade afecta ao número máximo de xornadas nas que se pode teletraballar. No cómputo mensual, os días de teletraballo non poden superar o 50% das xornadas laborais efectivamente traballadas.
Se xa se ten autorización para teletraballar non é necesario volver a solicitala. Soamente debes volver a solicitar autorización se cambian as condicións para teletraballar.
O teletraballo enténdese como aquela modalidade de prestación de servizos a distancia en que o contido competencial e funcional do posto de traballo pode desenvolverse, sempre que as necesidades do servizo o permitan, fóra das dependencias da UDC mediante o uso das tecnoloxías da información e comunicación.
Pode solicitar o teletraballo o Persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) da Universidade da Coruña, tanto persoal funcionario como laboral, que ocupe un posto susceptible de ser desempeñado nesta modalidade. É requisito indispensable para poder teletraballar solicitar e obter unha autorización previa. A autorización concédese para o posto de traballo que se estea desempeñando.
Non son susceptibles de teletraballo os postos en oficinas de rexistro e atención e información, os que impliquen necesariamente a prestación de servizos presenciais, os de secretarías de altos cargos, os que manexen información e documentación non dixitalizada, e outros determinados pola Xerencia, logo do acordo ca Comisión técnica de seguimento do teletraballo.
A autorización para teletraballar, agás no caso de que se requira unha resolución da Xerencia, delégase, por razóns de eficacia e axilidade, nos titulares dos órganos ou centros de que dependa funcionalmente o persoal, ao abeiro do establecido no artigo 91 dos Estatutos da UDC: Secretaría Xeral, Vicerreitorías, Xerencia, decanatos e direccións dos centros, departamentos, servizos ou entes a que estea adscrito o persoal.
A autorización ten unha duración anual e prorrógase automaticamente. Calquera alteración substancial das condicións e os requisitos de autorización, das condicións técnicas ou de prevención de riscos laborais esixirá por parte da persoa traballadora a realización dunha nova solicitude de autorización de prestación de servizos en réxime de teletraballo.
Si. O teletraballo é compatible coas medidas de conciliación familiar e laboral que a persoa traballadora teña concedidas; por exemplo, coa flexibilidade horaria ou a redución de xornada. Debe terse en conta que o tempo de teletraballo é tempo de traballo efectivo non presencial, polo que non se pode entender como dispoñibilidade de tempo para o coidado persoal ou familiar; polo tanto, non debe interferir nas medidas necesarias para a conciliación corresponsable entre as persoas que conviven nunha mesma unidade familiar.
A persoa traballadora, coa solicitude de autorización de teletraballo asina unha declaración responsable en que constará a súa capacidade de poder realizar as súas tarefas de forma eficiente en réxime de teletraballo e declara coñecer e cumprir cos compromisos que se establecen no artigo 6.2 do Acordo.
A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera compromiso, dato ou información realizada na declaración responsable determinará a imposibilidade de continuar co teletraballo, desde o momento en que se teña constancia de tales feitos, sen prexuízo das responsabilidades a que houbese lugar.
A solicitude preséntase de forma electrónica a través do Portal do Persoal. O procedemento de solicitude supón unha declaración responsable que confirme o cumprimento dos requisitos e compromisos necesarios para poder teletraballar.
Portal do persoal > xestión de solicitudes > solicitudes > outras solicitudes > teletraballo
A autorización da prestación de servizos en réxime de teletraballo require a comprobación e aceptación, por parte das persoas responsables das unidades administrativas e/ou dos órganos de que dependan funcionalmente, das condicións expostas pola persoa solicitante de autorización na súa declaración responsable, así como a susceptibilidade de desempeño do posto na modalidade de teletraballo e a compatibilidade do desempeño do posto na modalidade solicitada coas necesidades de servizo da unidade e demais circunstancias que deban terse en conta para a autorización da prestación de servizos en réxime de teletraballo.
A persoa responsable da unidade administrativa será, con carácter xeral, a supervisora da actividade que se pretende desenvolver baixo esta modalidade, aínda que tamén poderá ser calquera outra persoa da unidade administrativa superior xerarquicamente que garanta un coñecemento das funcións e tarefas que vai desenvolver a persoa teletraballadora, co obxecto de que a supervisión resulte o máis eficaz posible.
Non se pode teletraballar máis de tres días á semana. Os/as responsables de unidades administrativas non poden teletraballar máis de dous días á semana.
O número máximo de xornadas que se poden desenvolver na modalidade de teletraballo non pode superar o 50% das xornadas mensuais efectivamente traballadas.
Con carácter xeral, a xornada diaria de traballo non poderá fraccionarse para ser prestada en ambas as modalidades.
As persoas teletraballadoras deben cumprir coa Normativa vixente sobre protección de datos e Seguridade da información e, específicamente coa Norma sobre o uso dos medios informáticos no teletraballo e o uso dos accesos remotos á rede da UDC.
Ademais, deben adoptar as medidas de seguridade e hixiene recomendadas no Manual de información para o persoal teletraballador.
Si. As persoas responsables das unidades administrativas e/ou os órganos de que dependa funcionalmente o persoal, poderán suspender a autorización de desempeño dun posto en réxime de teletraballo, de oficio ou por instancia da persoa interesada, cando o xustifiquen as necesidades do servizo ou cando, en determinado momento, non se poida dispoñer dos medios adecuados ou non estea garantida a interconexión. Establécese un procedemento de suspensión no artigo 10 do Acordo.
Ademais, a Xerencia poderá suspender a prestación de servizos na modalidade de teletraballo, individual ou colectivamente, por motivos extraordinarios ou excepcionais que requirirán o informe da Xunta de Persoal.
Se unha unidade administrativa non pode garantir unha dotación mínima diaria do 50% dos seus efectivos, as autorizacións para teletraballar axustaranse reducindo o número de xornadas por persoa. Se persiste a situación, aplicaranse criterios de preferencia como vítimas de terrorismo ou violencia de xénero, persoas con discapacidade, mulleres xestantes, entre outros.
Se así o establece a persoa responsable da unidade poderase requirir a presenza da totalidade do persoal dunha unidade, un día á semana.
A persoa responsable da unidade administrativa ou o órgano de quen dependa funcionalmente o persoal poden requirir a presenza da persoa teletraballadora no centro de traballo por necesidades do servizo debidamente xustificadas, cunha antelación mínima de 24 horas.
A autorización pode extinguirse por necesidades de servizo sobrevidas, alteración substancial das condicións de autorización, cambio de posto de traballo, ou por petición da persoa teletraballadora con 10 días hábiles de antelación.
A Xerencia ou o órgano competente da UDC poderá establecer a prestación de servizos na modalidade de teletraballo, individual ou colectivamente, polos motivos establecidos no artigo 12 do Acordo. Esta modalidade, non estará suxeita ao cumprimento íntegro dos requisitos e podería establecerse para a totalidade das xornadas laborais.
Si. O sistema de acreditación da xornada e horario realízase a través do Portal do persoal ou da ferramenta habilitada pola UDC para o efecto. É necesario realizar o rexistro horario unha vez iniciada a sesión de traballo.
A UDC facilita o equipamento informático necesario, ferramentas ofimáticas de traballo remoto, colaborativo e de ciberseguridade, así como o acceso ás aplicacións informáticas propias da UDC. A disposición transitoria primeira indica que a obrigatoriedade de que a UDC facilite os medios tecnolóxicos para desempeñar o posto de traballo na modalidade de teletraballo será efectiva a medida que as posibilidades da UDC o permitan.
Podes contactar co Servizo de PTXAS: servizo.pas@udc.gal. Tamén podes consultar a información sobre o teletraballo na UDC, na páxina web da Xerencia.