A UDC organiza o evento internacional en liña “Choose Coruña: Research Opportunities for Global Talent”, que terá lugar o 28 de maio de 2026, de 15:00 a 17:00 h (CEST).
Esta xornada constitúe o evento final do proxecto STARS4UDC e está dirixida a persoal investigador internacional interesado en coñecer as oportunidades que ofrece a UDC para desenvolver unha carreira investigadora nun contorno científico aberto, colaborativo e conectado internacionalmente.
Durante o encontro presentarase o ecosistema investigador da universidade, con especial atención ás súas principais áreas de especialización, centros de investigación e estratexias de atracción e retención de talento. Tamén se abordarán as principais oportunidades de financiamento europeo, estatal e autonómico para diferentes etapas da carreira investigadora, incluíndo programas como MSCA, ERC, Ramón y Cajal, Juan de la Cierva ou iniciativas da Xunta de Galicia.
O evento permitirá coñecer, ademais, os servizos de acompañamento que a UDC pon á disposición do persoal investigador internacional, desde a identificación de oportunidades e supervisores ata o apoio na preparación de propostas, a chegada á universidade, os trámites administrativos e a integración no contorno académico e local.
A xornada incluirá tamén unha mesa redonda con investigadores e investigadoras vinculados á UDC, que compartirán a súa experiencia real en procesos de captación, incorporación e desenvolvemento da súa carreira investigadora na universidade. A través deste diálogo, “Choose Coruña” busca ofrecer unha visión práctica e próxima da UDC como destino para o talento investigador internacional: un lugar para investigar, conectar e pertencer.